Debate de investidura

Rego reivindica o acordo de investidura asinado co BNG para "avanzar nos dereitos da Galiza"

En resposta, Sánchez reiterou o seu compromiso co acordo asinado co BNG: “Imos cumprir coa axenda galega”.
O deputado do BNG, Néstor Rego, esta quinta feira no Congreso (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).
photo_camera O deputado do BNG, Néstor Rego, esta quinta feira no Congreso (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, ratificou o seu apoio ao candidato socialista á Presidencia do Goberno do Estado español, Pedro Sánchez, mostrando o seu orgullo polo acordo alcanzado co PSOE para "avanzar nos dereitos da Galiza”.

Neste contexto, Rego reivindicou este acordo co PSOE que, segundo dixo, "xera un compromiso" do Goberno estatal con toda a sociedade galega, e que ademais inclúe a condonación de débeda, o impulso das infraestruturas e medidas sociais. O deputado do BNG asegurou que a súa formación será "exixente" no cumprimento do acordo e sobre a condonación da débeda, lembrou que Feixoo a "triplicou" como presidente da Xunta da Galiza. 

Tras citar diferentes medidas incluídas, asegurou ser consciente de que un Goberno do PP na Galiza "non fará nada" por reclamar as competencias pendentes. Por iso, dixo que a súa formación traballa para que despois das próximas eleccións galegas haxa un goberno na Xunta liderado polo BNG.

Rego comezou o seu discurso lembrando a situación en Palestina: “Israel está a cometer a vista de todo o mundo crimes de guerra e de lesa humanidade. Por iso, dá vergoña a actitude dunha Unión Europea que está baixo o xugo do imperialismo americano. Non é suficiente con pedir un Estado para Palestina. Netanyahu debe responder polo seus crimes e iso é o que debemos defender”.

Un dos puntos do acordo destacados polo nacionalista foi o das rebaixas nas autoestradas, sobre o que afirmou que “se hoxe temos que seguir pagando peaxes na AP-9 é porque así o decidiu o PP”. Neste sentido, afirmou, “con este acordo conseguimos unha rebaixa de 75% nelas”.

Porén, lembrou Rego, “fóra do acordado no acordo co PSOE temos as mans libres para defender os intereses da Galiza, como unha tarifa eléctrica galega que compense os impactos ambientais que sufrimos pola produción ”.

O candidato, Pedro Sánchez, contestou ao deputado do BNG apuntando que “con este acordo [co BNG] repararanse os anos de retroceso que viviu a Galiza cos Gobernos conservadores”. Ademais, engadiu que “co PP na Xunta, en 13 anos, non se construíu nin unha soa residencia para maiores e fecháronse 138 colexios”.

“Oxalá que este cambio chegue tamén á Galiza, e poidamos impulsar o avance tamén desde o Goberno da Xunta”, afirmou. “Imos a seguir investindo na Galiza tal e como selamos nos puntos do acordo entre o PSOE e o BNG, con até 22 medidas, e imos transferir máis competencias a través da apertura da Comisión Bilateral”, proseguiu o presidente español.

Algo ao que tamén se referiu Rego, sinalando que “o balance do Goberno de [Alberto Núñez] Feixoo é de cero transferencias de competencias conseguidas desde o Estado”. O nacionalista tamén saudou a reflexión de Sánchez sobre o líder do PP: “Alégrome que asumise o que o BNG leva anos dicindo: Feixoo nin é un bon xestor nin moderado. É bo xestor só para as empresas amigas a conta da precarización dos servizos públicos, fronte ao que tempo atrás se veu dicindo desde algúns cargos de Sumar a respecto de que Feixoo era do mellor que tiñan no PP”.

“Paréceme ben, señor Sánchez, que fixera mención a algunhas das intervencións da pasada lexislatura na Galiza como consecuencia do anterior pacto de investidura co BNG, como a actuación na ría do Burgo, que debería ter continuidade noutras rías galegas. Un acordo cuxo impacto trata de minimizar o PP, mais o que si lle digo, señor Sánchez, o que é fundamental é que cumpra estritamente estes acordos”, concluíu o deputado do BNG. En resposta, Sánchez reiterou o seu compromiso co acordo asinado co BNG: “Imos cumprir coa axenda galega”.

Comentarios