Sumar ficaría por baixo dos 20 escanos nunhas novas eleccións estatais, segundo unha sondaxe

Os datos que arroxa Electomanía confirman unha tendencia á baixa da formación liderada por Yolanda Díaz.
Yolanda Díaz esta cuarta feira (Foto: Sumar Galicia).
photo_camera Yolanda Díaz esta cuarta feira (Foto: Sumar Galicia).

Sumar descendería do limiar dos 20 escanos no Congreso español no caso de que decorresen unhas novas eleccións estatais, segundo indica a última sondaxe realizadas por Electomanía. Os datos que arroxa o portal confirman unha tendencia á baixa da formación liderada por Yolanda Díaz.

Ademais, a formación de Díaz abandonaría a porcentaxe de dous díxitos nunha potenciais eleccións ao Congreso do Estado español, segundo o estudo de Electomanía, é dicir, caería por baixo de 10%, lonxe dos resultados do pasado 23 de xullo, con 12,4% dos votos, cando concorreu conxuntamente con Podemos.

Algo que tamén lle pasaría á ultradereita de Santiago Abascal, que tamén caería por debaixo de 10% nunhas novas eleccións estatais. Así, a estratexia de confrontación nas rúas contra o novo Goberno de Pedro Sánchez non semella que estea a conseguir manter o resultado de 12,5% que conseguiu Vox no 23-X.

Por contra, a sondaxe é máis favorábel para Podemos, que a pesar de ficar moi lonxe dos resultados de antano, parece que volver loitar por obter representación en solitario na Cámara Baixa. Nun contexto de ruptura con Sumar após abandonar o grupo conxunto no Congreso español, a formación liderada por Ione Belarra loitaría por formar parte do Parlamento do Estado español.

O descenso de Sumar e Vox favorecería os partidos tradicionais, polo que tanto PSOE como PP conseguirían incrementar a súa porcentaxe de votos. Polo de agora, Electomanía non ofreceu máis datos nin tendencias no seu avance de resultados deste sábado, polo que se descoñecen as proxeccións que outorgarían no estudo ás forzas nacionalistas como o BNG, unha forza que, con todo, experimenta unha clara suba nas últimas sondaxes coñecidas.

Comentarios