O BNG insta ao Goberno español a suprimir o IVE no peixe

O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, e a senadora da formación, Carme da Silva, presentaron nas Cortes distintas iniciativas pedindo información ao Goberno sobre a proposta de PERTE (Proxectos Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica) específico para a industria de transformación de produtos do mar
O deputado do BNG Néstor Rego. (Foto: Arxina)
photo_camera O deputado do BNG Néstor Rego. (Foto: Arxina)

Os representantes nacionalistas nas Cortes do Estado preguntaron ao Ministerio cando trasladou á Comisión Europea a necesidade de contar con un PERTE para o complexo mar-industria. Na mesma dirección, interesáronse polas liñas de financiamento a que se poderían acoller as empresas do sector e da contía dos fondos.

O BNG formula “estas cuestións porque a Secretaria Xeral de Pesca limitouse a facer un anuncio mais non informou do contido da proposta nin a súa concreción. Unicamente sinalou que o PERTE solicitado estaría orientado cara a transformación azul do sector pesqueiro”.

Un Perte para o complexo mar-industria

Os responsábeis nacionalistas destacaron o peso na economía galega do complexo mar-industria. Nesta liña significaron, a súa achega en termos de PIB e de emprego para o país.

Rego e Da Silva insistiron na proxección de Conxemar como  “unha das feiras do sector da industria de transformación de produtos do mar máis importantes de Europa”. Ao tempo, sinalaron  que é “un escaparate a nivel mundial onde o sector acostuma a trasladar as súas demandas”

Os dirixentes do BNG apoiaron as críticas formuladas desde o sector, “entre elas a de poder acceder a un Perte para o financiamento de proxectos dado que ficou excluído do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica Agroalimentar”.

 

IVE

O deputado e a senadora nacionalista volveron demandar unha rebaixa no IVE da pesca de 10% vixente até 0%. Precisamente, está é unha proposta do sector que o BNG defende desde vello.

Os responsábeis nacionalistas significaron que “non é unha idea estraña posto que na práctica totalidade de países da UE o peixe e o marisco teñen un IVE máis baixo que o que se aplica no Estado español”.

Rego e Da Silva lembraron, que “por exemplo, en Francia aplícaselles un tipo do 5,5%; en Luxemburgo do 3%; en Chipre, Hungría e Polonia do 5%; en Bélxica e Portugal do 6%; e en Alemaña aplícase un 7%. Noutros países europeos directamente exclúese a estes produtos da aplicación do imposto, considerándoos exentos, como é o caso de Irlanda e Malta.

Comentarios