Conxemar reivindica a existencia dun Ministerio exclusivo de Pesca

A asociación resalta o éxito da súa feira en Vigo 
Eloy García, esta quinta feira no Ifevi. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)
photo_camera Eloy García, esta quinta feira no Ifevi. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)

O presidente da Asociación de Almacenistas, Importadores, Transformadores e Exportadores de Produtos da Pesca e Acuicultura (Conxemar), Eloy García, fixo esta quinta feira, 5 de outubro, balance da 24 edición da Feira dos Produtos do Mar Conxelados, no seu último día no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) tras tres xornadas. 

Ante os medios de comunicación, o presidente de Conxemar reivindicou o "éxito" da feira, que este ano aumentou o número de visitantes entre 3% e 5%, segundo os primeiros cálculos realizados pola organización.

Ademais, García sinalou que o principal problema do sector é a necesidade de que aumente o consumo do peixe. Por outra parte, reivindicou que exista un ministerio estatal exclusivamente de Pesca para que atenda as problemáticas específicas deste ramo de actividade. 

"Non pode ser que en Conxemar esteamos a escoitar a problemática do aceite de oliva. A pesca merece a consideración que ten que ter", subliñou. Porén, rexeitou valorar as palabras do ministro Luis Planas, que preguntado sobre unha eventual rebaixa do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) do peixe, puxo o foco na valorización dos produtos pesqueiros.

Ocupación completa

Tras insistir na importancia do evento, que ocupou "por completo" todo o espazo dispoñíbel no Ifevi, despois de aumentar 13% as empresas expositoras, até un total de 770, García volveu pedir unha ampliación do recinto feiral, ademais dunha mellora das instalacións, centrándose nos aparcadoiros.

Por outra parte, asegurou que hai unha "inaceptábel" lista de espera de empresas interesadas  en asistir á feira, que ocuparían máis de 5.000 metros cadrados de exposición. "Isto supón que eses que queren expor aquí buscan outros sitios e despois é difícil recuperalos", criticou.

Comentarios