A cadea mar-industria demanda a redución do IVE aplicado ao peixe

O sector pesqueiro pide unha "fiscalidade saudábel".
Lirios nunha peixaría do mercado de abastos de Compostela (Fotos: Nós Diario).
photo_camera Lirios nunha peixaría do mercado de abastos de Compostela (Fotos: Nós Diario).

O conxunto do sector da cadea mar-industria (pesca, acuicultura, transformación e comercialización) remitiu unha carta ao presidente do Goberno do Estado español, Pedro Sánchez, para que reconsidere "de forma urxente" a súa decisión de non reducir o Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) dos produtos pesqueiros.

Estes produtos, gravados en 10%, ficaron fóra da redución do IVE a 5% que se lle aplica a produtos como a pasta e os aceites ou da eliminación do imposto aprobada para os produtos considerados de primeira necesidade.

Na misiva remitida a Sánchez, todo o sector traslada a súa "profunda decepción" por desaproveitar a ocasión de incentivar o consumo dun alimento de "tan alta calidade nutricional e sostíbel" como é o peixe.

A xuízo do sector, a non consideración dos produtos pesqueiros como un alimento básico, a pesar de que o propio Ministerio recomenda o seu consumo tres veces por semana, tradúcese na segregación de proteínas de alta calidade nutricional na dieta de amplas capas de poboación, as máis desfavorecidas no contexto inflacionista actual, e carrexará a medio prazo graves prexuízos de saúde.

Segundo os datos achegados polo sector, as enfermidades relacionadas coa mala alimentación custan 14.000 millóns de euros anuais aos sistemas de saúde das autonomías do Estado español, o que representa case 20% do total do gasto sanitario.

Fronte a estas cifras, e segundo os cálculos do sector, a redución do IVE dos produtos pesqueiros que se solicita suporía menos de 500 millóns de redución de ingresos para as arcas públicas.

As organizacións asinantes lembran que foron numerosas as ocasións en que solicitaron a rebaixa do IVE dos produtos pesqueiros, así como a necesidade de enviar unha mensaxe contundente desde asAdministracións para apostar polo consumo de alimentos saudábeis.

Igualmente, nesas solicitudes ofreceron datos do tipo impositivo noutros Estados da Unión Europea (UE), nos que se grava o peixe a 0% ou a 5% no contexto dunha fiscalidade saudábel.

Comentarios