Sanmartín e Pontón urxen á Xunta máis financiamento e a taxa turística para Santiago

"Pasou o tempo das promesas e é necesario que a Xunta se comprometa con Santiago", salienta a líder do BNG, que pide ao Goberno galego que "cumpra" coa capital.
Ana Pontón e Goretti Sanmartín, esta quinta feira, no Pazo de Raxoi. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón e Goretti Sanmartín, esta quinta feira, no Pazo de Raxoi. (Foto: Nós Diario)

A reunión entre a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, serviu para pór en común de maneira formal as preocupacións compartidas con respecto á capital galega. Entre outras cuestións, urxiron á Xunta compromisos co financiamento "adecuado" da capitalidade, a posta en marcha da taxa turística e o impulso á vivenda. Nun receso do encontro entre ambas, compareceron ante os medios para explicar os asuntos abordados neste primeiro encontro de Ana Pontón na súa ruta polas cidades que, dixo, visitará como xa fixo noutras ocasións após as eleccións municipais sen desvelar, polo de agora, o concreto da axenda e sen fecharse a reunirse con responsábeis doutras cores políticas se así llo solicitan.

A este respecto, e despois das críticas do PP —tanto do portavoz municipal, Borja Verea, como da secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado—, Pontón ironizou con que os populares están "moi preocupados" pola súa axenda, algo que enmarcou en que están no seu "fin de ciclo" e en que os ve "moi enfadados" ultimamente, como o "pitufo gruñón da política".

Sanmartín, na súa intervención, salientou que conversaron sobre  proxectos "transversais" que están na axenda municipal de forma "clara", como son a vivenda pública, o incremento do orzamento do estatuto de capitalidade, a dotación para equipamentos de novo edificio da escola de idiomas, a escola de Fontiñas e Santa Marta ou o conservatorio de danza, entre outros, xunto coa necesidade de que se aborde a taxa turística.

Outro dos asuntos que se trasladaron foi a "necesidade dunha mobilidade" na contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), coa petición dun aparcadoiro; xunto co rural e cuestións como o saneamento e o abastecemento, e a EDAR, para a que pedirán unha partida da Xunta, ou o parque de bombeiros, no que se ten que comprometer, dixo, a Deputación da Coruña.

De feito, a rexedora lembrou que o próximo 2 de outubro terá outra reunión co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a ese encontro levará as demandas nas que a Administración galega ten competencias. Neste sentido tamén se pronunciou a portavoz nacional do BNG, que apostou pola "implicación das administracións" para liquidar os problemas da capital da Galiza, que "non están a ser atendidas".

Así, comprometeu o apoio da súa formación política no Parlamento galego, onde o BNG tratará de "presionar" para conseguir melloras de financiamento para Santiago e o impulso á vivenda pública, sobre o que ironizou con que as últimas vivendas de protección entregadas na capital galega foron por parte dunha conselleira nacionalista, Teresa Táboas.

"Pasou o tempo das promesas e é necesario que a Xunta se comprometa con Santiago", reclamou Pontón, quen expresou a súa preocupación por eses mesmos asuntos: vivenda cun incremento de 10% dos prezos, a taxa turística, que permitirá "implantar unha medida que está a funcionar na contorna europea e española", e o estatuto da capitalidade, para contar cun "financiamento acorde" coa situación da cidade.

Unha visita pois, con "todo o ánimo construtivo, a favor dos veciños e tendo claro que o tempo das promesas pasou e que a Xunta debe dar máis apoio aos veciños e traballar a favor de Compostela".

Non ve "partidismo"

Preguntada por se teme un freo aos proxectos de Santiago por estar gobernada polo BNG, Pontón manifestou que a formación nacionalista traballará por que en Santiago "haxa avances" e reclamou "non confundir a dinámica política coa institucional" e a "obriga das administracións é colaborar, e "non se entendería" que fose en función do que votan os veciños.

"As institucións teñen que traballar polo ben común, en positiva, non se entendería un uso partidista", salientou. Así as cousas, insistiu en que van traballar para que a axenda compostelá "estea no mapa" e que "haxa solucións", así como reclamar á Xunta as que dependan dela directamente.

Comentarios