A Comisión Europea aclara que o plan de resiliencia español contén peaxes nas autovías

Bruxelas abre a porta a revisar esta medida no futuro.
Tramos galegos da autovía A-6 (Foto: European Roads).
photo_camera Tramos galegos da autovía A-6. (Foto: European Roads)

A Comisión Europea confirmou esta quinta feira que o plan de recuperación e resiliencia español aprobado por Bruxelas inclúe o compromiso de adoptar unha lei de mobilidade sostíbel e financiamento do transporte que conteña un mecanismo de pagamento polo uso de estradas desde 2024. A aclaración do Executivo da Unión Europea (UE) chega só tres días despois de que a ministra española de Transportes, Raquel Sánchez, desmentise "categoricamente" a introdución desta nova normativa.

"Entendemos que o plan español refírese a un mecanismo de pagamento polo uso das estradas que comezará en 2024 en liña co principio de 'quen contamina, paga'", confirmou a portavoz de Economía da Comisión Europea, Veerle Nuyts.

A medida foi comentada hai unha semana polo director da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), Pere Navarro, e desmentida posteriormente pola ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, que daba por "resolta" a polémica xurdida ao redor do posíbel pagamento dunha peaxe polo uso das autovías no Estado español e negaba "categoricamente" a súa aplicación.

Con todo, o Executivo comunitario confirmou que a medida aparece no plan que foi aprobado tanto por Bruxelas como polos Estados da UE e que aparece ligado ao desembolso do quinto tramo dos fondos de recuperación, que ascende a máis de 8.000 millóns de euros.

Así o recolle tamén o texto do plan ao que Bruxelas deu o seu visto e prace, onde se especifica que a medida ten o obxectivo de "internalizar os custos externos do transporte por estrada, creando a tal fin incentivos para lograr unha maior eficiencia neste sector e propiciando unha redución das emisións de gases de efecto invernadoiro".

Posíbel revisión da medida

Non obstante, con respecto á petición do Executivo español de revisar a aplicación desta norma, a portavoz do Executivo da UE sinalou: "Avaliaremos esta medida cando alcancemos a quinta petición de pagamento do Estado español, así que non é unha discusión para hoxe".

Comentarios