O BNG demandará no Congreso a "mellora da mobilidade ferroviaria" na Galiza

A formación política sinala que a mobilidade ferroviaria galega posúe "numerosas carencias", tanto nas infraestruturas como nas comunicacións diarias entre cidades e vilas. 
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar unha nova batería de iniciativas para exixir a "melllora da mobilidade ferroviaria" na Galiza.

Entre as medidas que demanda están a reorganización dos horarios e a recuperación das frecuencias que foron modificadas ou eliminadas; garantir a puntualidade e seguranza do servizo; e implantar unha política de prezos que inclúa descontos "por motivos económicos, sociais, de idade e familiares".

A formación política sinala que a mobilidade ferroviaria galega posúe "numerosas carencias", tanto nas infraestruturas como nas comunicacións diarias entre cidades e vilas. 

Rego puxo de exemplo a liña do Eixo Atlántico entre Vigo e A Coruña, unha das que máis usuarios ten a diario, pero que, segundo o deputado conta cunha oferta de servizos "insuficiente". "Non responde ás necesidades de mobilidade actuais", engade.

Primar a conexión con Madrid

Para o Bloque, a forma de xestionar a chegada do AVE á Galiza o pasado 21 de decembro fixo "empeorar a situación previa do servizo ferroviario interno, primando a conexión con Madrid en detrimento das comunicacións internas entre os municipios galegos".

O deputado no Congreso sinalou concretamente a necesidade de adiantar media hora o tren que sae de Vigo ás 6.40 horas, e atrasar o que sae da Coruña ás 15 horas, para facilitar así a conciliación.

Por outra parte, Rego sinalou outras eivas do servizo ferroviario, relacionadas coa fiabilidade, e subliñou "os atrasos na saída de Vigo", debido á que a estación conta cun único escáner, suxeito a avarías, que fainque as persoas usuarias teñan que "asumir gastos suplementarios para poder chegar a tempo ao traballo".

Ademais, criticou que tivesen que ser as usuarias do tren as que tivesen que negociar coa concesionaria do bus urbano da Coruña un cambio nos horarios que se adaptase aos atrasos na chegada do tren.

"Verdadeira política tarifaria"

Para o nacionalista, "é necesaria unha verdadeira política tarifaria, pois as persoas denuncian a rixidez dos abonos e demandan unhas tarifas que teñan en conta as circunstancias económicas, laborais e familiares das usuarias".

Para o BNG, esa política tarifaria debe "ampliar e flexibilizar" os abonos e modificar os prezos actuais para rematar coa "discriminación " que sofren as persoas usuarias da liña Ourense-Santiago-A Coruña, algo que a formación xa demandou en varias ocasións na Galiza.

Rego tamén exixiu a "transferencia das competencias nos servizos ferroviarios internos de media distancia e proximidade" á Xunta, mais asegurou que, mentres o Goberno español non leve a cabo esta transferencia, "debe velar pola modernización e mellora da rede e dos servizos ferroviarios, como instrumento fundamental de vertebración territorial, cohesión social, desenvolvemento sostíbel e conciliación entre a vida laboral e familiar".

Comentarios