O BNG pide adecuar os horarios do tren Avant á realidade laboral

Após a chegada do AVE á Galiza produciuse unha modificación dos horarios dos servizos de tren Avant que conectan Ourense con Santiago e A Coruña, con "grave prexuízo para as persoas usuarias". O BNG exixiu no Congreso que se adapten as liñas e horarios á realidade laboral da sociedade galega.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego (Foto: Nós Diario)

Coa chegada do AVE á Galiza o pasado 21 de decembro produciuse unha modificación dos horarios dos servizos de tren Avant que conectan Ourense con Santiago e A Coruña. Estas modificacións "supuxeron un grave prexuízo para as persoas usuarias que se desprazan todos os días por motivos laborais ou de estudo entre Ourense, Santiago e A Coruña", denuncia o BNG.

E, nese sentido, o deputado nacionalista Néstor Rego deu conta das novas iniciativas que rexistrou na Cámara Baixa para exixir ao Goberno do Estado que rectifique as modificacións horarias na liña do Avant e que sexan adaptadas á realidade laboral da sociedade galega para garantir unha mellor conciliación. 

A Media Distancia tamén resultou afectada

“Organizan os novos horarios baixo unha visión puramente centralista na que priorizan os servizos que conectan a Galiza coa meseta mais non teñen en conta as necesidades de mobilidade interior”, subliñou Néstor Rego.

Aliás, destacou que estas modificacións horarias non só se produciron na liña do Avant A Coruña-Ourense, senón que tamén afectaron negativamente aos horarios da liña de Media Distancia entre A Coruña e Vigo, polo que as usuarias e usuarios dese traxecto tamén padecen as consecuencias da falta de adaptación.

De facto, a pasada semana o Parlamento da Galiza aprobou por unanimidade dos grupos unha iniciativa impulsada polo BNG demandado ao Goberno do Estado que restabelecese os horarios do Avant, salientado a liña que saía ás 6.30 horas da mañá da Coruña e chegaba ás 7.38 horas a Ourense.

A iniciativa buscaba favorecer a conciliación dos desprazamentos cos horarios laborais, reclamando ademais acometer as melloras pendentes para a modernización das conexións A Coruña-Ferrol-Santiago-Ourense e garantir a reposición do persoal e material rodante necesario para manter un servizo fiábel e estábel.

Tanto a iniciativa aprobada no Parlamento galego como as propostas rexistradas por Néstor Rego no Congreso dos Deputados tamén reclaman a restitución das frecuencias suprimidas con motivo da redución de mobilidade durante a pandemia e que aínda non foron recuperadas.

“Debe lembrarse, ademais, a necesidade de rebaixar o elevado custo dos billetes da liña Avant A Coruña-Ourense, unha das máis caras do Estado, en que o traxecto de Santiago-Ourense custa 17,70 euros, chegando aos 20,30 euros nalgunha das tarifas ofertadas por Renfe” denunciou o deputado Néstor Rego.

Comentarios