Así é o "plan de choque" que propón o BNG para afrontar a crise de prezos ante unha Xunta "sucursal de Madrid"

Ana Pontón cifrou este plan en 1.000 millóns de euros, que sería destinado a "rescatar" as persoas vulnerábeis, financiar un programa de medidas para "salvar" os sectores produtivos e reforzar os servizos públicos, especialmente a atención primaria do Sergas.
Ana Pontón en rolda de prensa. (Foto: BNG).
photo_camera Ana Pontón, este sábado, en rolda de prensa. (Foto: BNG)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ve a Xunta de Alfonso Rueda como "unha terminal ao servizo dos intereses" do PP de Madrid, nun momento de crise que "non afecta todos" os niveis da sociedade "por igual" e que, a xuízo da líder nacionalista, require dun "plan de choque" para "evitar que a paguen de novo os que menos teñen".

Pontón fechou este sábado nun hotel de Teo o primeiro Consello Nacional do BNG dun curso político marcado por "un contexto moi complexo" e que deixa nunha situación "moi difícil ás maiorías sociais". "A inflación é un imposto para quen menos ten. Nesta crise hai quen gaña moito mentres outros perden todo", aseverou, ao tempo que criticou a "inacción" da Xunta para articular medidas ante este contexto de escalada de prezos que deixa a Galiza "cos peores datos de inflación" do Estado.

Na mesma liña, a portavoz nacional do Bloque considera "preocupante" a situación dunha Xunta que ve "a disposición" da "estratexia" do PP presididio polo ex mandatario galego Alberto Núñez Feixoo para tratar de gañar as próximas eleccións xerais.

"A Xunta está na estratexia de que canto peor lle vaia á maioría dos galegos, mellor lle vai ir ao PP en Madrid. A Galiza necesita un goberno que defenda os intereses dos galegos e non os do PP", resaltou, antes de pedir ao Goberno galego que "se poña as pilas" e inclúa un "plan de choque" nos próximos orzamentos para 2022 para atallar a crise de prezos.

Pontón cifrou este plan en 1.000 millóns de euros, que sería destinado a "rescatar" as persoas vulnerábeis, financiar un programa de medidas para "salvar" os sectores produtivos e reforzar os servizos públicos, especialmente a atención primaria do Servizo Galego de Saúde.

Decisións "contra as maiorías sociais"

Para a líder nacionalista, esta nova crise é "outra radiografía de até que punto as políticas centralistas prexudican a Galiza e fana retroceder", polo que incidiu na necesidade de "dar respostas á crise para as maiorías sociais", algo que, segundo o Bloque, non está a levar a cabo a UE.

"As sancións contra Rusia non paran a guerra e tampouco prexudican Rusia; prexudican as maiorías sociais da Galiza e de Europa", aseverou, antes de pór o foco na toma de decisións "que van na dirección incorrecta" para rematar a guerra en Ucraína e atallar os problemas que derivan na economía global.

Neste sentido, cualificou de "mazazo" para as economías familiares e os sectores produtivos a suba de tipos de xuro anunciada esta semana. "Para as familias que non chegan a fin de mes, 100 euros pode ser a diferenza entre comer e pagar ao banco ou entre ter casa ou non tela", apostilou Pontón.

A enerxía como ben público

Como primeiro paso para atallar os problemas nas economías das maiorías sociais derivadas desta crise de prezos, o Bloque considera que os gobernos deben pór límites aos "escandolosos" beneficios económicos dos "grandes lobbies" da enerxía e da banca, que "se están forrando con esta crise".

Por tanto, demanda que a enerxía sexa considerada "un ben público co que non pode especularse" e que a Galiza dispoña dunha empresa pública e unha tarifa eléctrica propia, así como que se articule un imposto á banca para limitar as súas ganancias en contextos de dificultades económicas.

"Pose" climática

Aliás, Pontón tamén cargou contra as decisións debuxadas pola UE e o Goberno de España para atallar os problemas de subministración de enerxía. "Todo o que se falou dunha transición enerxética xusta quedou en pose", espetou.

Nesta liña, censurou que se receiten medidas como "rebentar os montes e os fondos mariños" con muíños eólicos, regresar "ás centrais de gas e do carbón, que son as máis contaminantes" e "aproveitar esta crise para apostar pola enerxía nuclear".

Todo iso, sumado aos plans de limitar a circulación na cidades a vehículos de baixas emisións que só poden pagar "os que teñen recursos", fai que, segundo Pontón, as medidas deseñadas polos gobernos europeos sexan "antisociais" pois "favorecen aos ricos".

Prevención do suicidio

Por último, Pontón aproveitou a celebración este sábado do Día mundial da prevención do suicidio para pedir recursos e medios para facer fronte aos problemas de saúde mental na Galiza, o territorio coa segunda maior taxa de sucidios do Estado. Para iso, propuxo un plan de 21 millóns de euros nos próximos orzamentos da Xunta, á que acusa de deixar "en papel" e non aplicar a estratexia de prevención do suicido elaborada.

Comentarios