Un "ticket rural", a proposta de Pontón para mulleres emprendedoras no rural

A portavoz nacional do BNG visitou en Vila de Cruces o taller da zoqueira Elena Ferro, a explotación de galos que dirixe María Castro e o proxecto de coidados de Cristina Arias. Pontón propón unha liña específica de apoio á innovación e destaca a capacidade das mulleres para emprender e liderar proxectos que demostran cada día.

Ana Pontón visitando o obradoiro de Elena Ferro en Vila de Cruces (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón visitando o obradoiro de Elena Ferro en Vila de Cruces (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou este sábado Vila de Cruces con motivo do Día da muller rural, diversos proxectos liderados por mulleres, entre eles o taller da zoqueira Elena Ferrro, premio nacional de artesanía 2019; o proxecto de coidados de persoas maiores A Casa da Oliveira, posto en marcha por Cristina Arias, e o proxecto Castro de Madrosende de cría de galos de María Castro.

Pontón salientou que "as mulleres están demostrando que é posíbel un rural vivo, que se pode emprender, pór en marcha proxectos empresariais innovadores desde o rural, no sector agrogandeiro, no sector da alimentación, pero tamén no sector do deseño, da creación artística, da inovación", advertindo que as mulleres pagan "un sobrecusto" por desenvolver proxectos desde o rural.

Para a líder nacionalista, os principais problemas que este colectivo ten que aturar son “a falta de servizos, a maior fenda salarial, a desigualdade de oportunidades ou o menor recoñecemento e visibilización do que aportan”, unhas cuestións que considera que “hai que solventar”.

“E se as mulleres son clave para un rural vivo, deben ter o máximo apoio", indicou, "algo que no BNG temos moi claro e por iso facemos propostas concretas". A primeira iniciativa sería "a creación do ticket rural para o emprendemento das mulleres, unha medida que implicaría unha axuda anual dun mínimo de 15.000€ durante cinco anos, para proxectos con sede e domicilio fiscal no rural”. Segundo Pontón “é unha medida que funciona con éxito noutros territorios e que sería un revulsivo para fixar poboación e reverter o abandono do medio rural".

A segunda medida sería pór en marcha “un Plan de discriminación positiva de servizos públicos no medio rural, para facilitar a conciliación laboral e profesional das mulleres, onde as xornadas poden ser dobres e até triples”. Tería incidencia nas escolas infantís, centros de atención aos maiores, servizos sanitarios e educativos de calidade e de proximidade.

Como terceira medida, propón entender que as realidades son diferentes e que non se pode aplicar un sistema fiscal ignorando esa realidade. Por iso, a líder do Bloque propón baixarlle a cota ás persoas autónomas no medio rural, "porque non é o mesmo emprender desde a Castela en Madrid que desde Merza en Vila de Cruces".

E, como cuarta medida concreta, presentou unha liña de axudas específica de fomento da innovación no rural, "pois non se pode poñer a competir polas axudas a I+D+i ás pequenas empresas coas grandes sociedades”. Para Pontón, son medidas posíbeis e realistas, 

Recuperar o investimento público

A portavoz nacionalista tamén fixo fincapé na necesidade de pór nun primeiro plano o traballo da muller no rural, moitas veces invisibilizado ou pouco valorado. "Empoderar ás mulleres é chave para un rural vivo", subliñou, denunciando os teitos de cristal que apuntan que “sendo as mulleres o 46% das socias cooperativistas, só hai un 6% na presidencia desas cooperativas".

Outro aspecto importante para o BNG é recuperar o investimento público. Pontón lembra que desde 2009, o Goberno do PP baixou en 1.412 millóns de euros os recursos destinados a políticas de apoio e dinamización do medio rural, e en 2021 deixou se investir o 21% do orzamento de Medio Rural. "Hai que mudar este abandono por unha política real de apoio ao medio rural e iso precisa recursos e que se invistan", concluíu Pontón.

Comentarios