Olalla Rodil reivindica unha "xustiza social nos impostos" durante o acto de homenaxe ás mártires de Nebra

A viceportavoz do BNG no Parlamento galego participou na homenaxe xunto co portavoz municipal nacionalista en Porto do Son, Balbino González, e o veciño da zona Santiago Suárez.
Acto de homenaxe do BNG ás mártires de Nebra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Olalla Rodil, Balbino González e Santiago Suárez no acto de homenaxe do BNG ás mártires de Nebra. (Foto: Nós Diario)

A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, participou esta cuarta feira na homenaxe anual que o grupo municipal nacionalista en Porto do Son rende ás mártires de Nebra, catro labregas e un labrego que foron asasinadas pola Garda Civil o 12 de outubro de 1916 durante unha protesta contra os impostos abusivos.

Rodil lembrou a memoria de Francisca Carou, Ramona Suárez Pouso, Generosa Cadórniga, Rosa Cadórniga Maneira e Antonio Sobrado Luaces, ao tempo que asegurou que, máis de cen anos despois, “segue a ser necesario reivindicar xustiza social nos impostos fronte a forzas políticas que, como o PP,  fan rebaixas fiscais aos ricos, como a redución do imposto do patrimonio”.

A dirixente nacionalista salientou que reclamar unha fiscalidade xusta, “pola que pague máis quen máis ten”, segue a ser unha demanda que está en “plena vixencia”. “Para ter un sistema impositivo progresivo que permita recadar o necesario para blindar os servizos públicos e para garantir os dereitos sociais nun momento de descontrol de prezos que está empobrecendo á maioría social”, engadiu.

Neste sentido, subliñou que o BNG defende unha reforma fiscal “pensada para 99% dos galegos e das galegas e non para unha minoría formada polos máis ricos, que é para a que goberna o PP”.

Loita social das mulleres

Na súa intervención, Rodil fixo un alegato a favor da memoria de mulleres que, como as mártires de Nebra, protagonizaron unha historia de loita social. “Facer memoria como galegas, como mulleres e como traballadoras”, destacou.

“Francisca, Ramona, Xenerosa e Rosa estaban naquela mobilización para defender o que era seu, a súa casa, as súas vidas, e por iso foron asasinadas”, sinalou.

 “As líderes da fame erguéronse contra aqueles que estaban privando as súas casas dos alimentos e dos recursos aos que tiñan dereito”, lembrou a viceportavoz do BNG no Parlamento galego, “e facíano contra o poder político nunha sociedade patriarcal e machista que relegaba e privaba as mulleres e as traballadoras de dereitos”.

Finalmente, Rodil criticou que, aínda hoxe, “os gobernos, especialmente o do PP na Xunta, aplican políticas que empobrecen as maiorías sociais  mentres outorgan regalos fiscais a unha minoría rica. A política fiscal debe servir para construír unha sociedade xusta e os recursos do país para beneficiar á maioría social, e non para estar ao servizo de catro multinacionais amigas do PP”, concluíu.

Comentarios