O BNG alerta da "ruína" que supón o veto á pesca de fondo e volve demandar a súa suspensión cautelar

Ana Pontón e Ana Miranda reivindicaron a necesidade de adoptar medidas para evitar o impacto socioeconómico da medida na frota galega.
Ana Pontón, reunida con representantes do sector pesqueiro galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón, reunida con representantes do sector pesqueiro galego. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reuniuse esta sexta feira na Mariña con representantes do sector pesqueiro nos portos de Burela e Celeiro (Viveiro) para avaliar o impacto socioeconómico que suporá o veto á pesca de fondo en 87 caladoiros imposto pola Comisión Europea.

A dirixente sinalou que a decisión de Bruxelas, no medio dunha crise de prezos, "toma unha decisión que significa destruír emprego, destruír actividade económica e retirar toneladas de peixe fresco do mercado que vai encarecer unha cesta da compra dunhas familias que xa están asfixiadas".

"O sector non precisa escenas de confusión, senón unha defensa clara dos seus intereses ante a Unión Europea, algo que non fixeron nin o Goberno español nin a Xunta”, asegurou Pontón, ao tempo que engadiu que a formación nacionalista non entende “a negativa a solicitar unha moratoria e estamos a tres días de que entre en vigor un veto que pode deixar en terra a 200 barcos”.

Neste sentido, a portavoz nacional do BNG reivindicou a necesidade de solicitar esa suspensión cautelar, ademais da habilitación de axudas compensatorias destinadas á frota afectada, co obxectivo de “salvagardar o emprego”; e a convocatoria “de inmediato” do Consello galego de pesca. "Non podemos tolerar que se siga limitando a capacidade dun sector clave, do que non podemos prescindir,  tanto para a nosa economía como en aras da soberanía alimentaria", concluíu.

“Máis ruína” para o sector

Pola súa parte, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participou nunha protesta en Vigo, durante a que asegurou que o veto á pesca de fondo só supón “máis ruína” para o sector galego. Miranda lamentou a actitude do comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, quen comparecerá na Comisión de Pesca a vindeira segunda feira, cando a medida xa estea en vigor.

"É dunha covardía enorme porque o prazo acaba este domingo. Comparece o día seguinte. Que fácil é comparecer ao día seguinte. Mentres o domingo a frota galega vai ter que amarrar", denunciou, ao tempo que convidou a cidadanía a que acuda este sábado á manifestación convocada en contra deste regulamento en Ribeira, que espera que sexa "masiva".

Os nacionalistas aseguran que a Unión Europea está a lexislar "de costas" a un sector "estratéxico", cun regulamento que afectará máis de 500 barcos e 4.000 empregos directos na Galiza.

Ademais, Miranda criticou as "incertezas" xeradas polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, por lanzar "bulos", en referencia ao anuncio feito no día de onte polo propio Planas sobre a decisión da Comisión Europea de deixar fora deste veto 41 dos 87 caladoiros. Un anuncio que foi desmentido tan só horas despois por Bruxelas.

Comentarios