O BNG avoga por unha "redución temporal" dos impostos aos combustíbeis

Néstor Rego insta a participar da manifestación nacional convocada para o vindeiro domingo, 3 de abril, en Compostela.
Encontro de Néstor Rego e Olaia Ledo (BNG) con transportistas, este domingo, en Narón. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Encontro de Néstor Rego e Olaia Ledo (BNG) con transportistas, este domingo, en Narón. (Foto: Nós Diario)

O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantivo este domingo un encontro con transportistas en Narón, nun acto no que o acompañou a portavoz municipal do Bloque, Olaia Ledo, e no que trasladou as propostas da formación nacionalista fronte á "suba desproporcionada dos prezos e o empobrecemento das clases populares".

A este respecto, Rego avogou por "baixar temporalmente" os impostos aos combustíbeis, en concreto "até que a inflación se estabilice por volta de 2%".

"O Goberno do Estado para alén do compromiso estabelecido esta semana en relación co transporte, aínda non ten adoptado medidas que segue diferindo. É preciso que o Executivo actúe xa", precisou.

Facía alusión con estas palabras á "excepción ibérica" anunciada polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, na sexta feira, cun "trunfalismo" que considerou "excesivo e inxustificado".

"Do anunciado polo presidente o único certo que coñecemos é que o custo de limitar o prezo do gas imos acabar pagándoo as persoas consumidoras na factura da luz, mentres que as grandes compañías seguirán mantendo a súa marxe de beneficio intacta", engadiu Rego.

No que atinxe ao prezo da luz, o BNG aposta nunha intervención pública do mercado eléctrico e dos beneficios "chovidos do ceo" das eléctricas, a fin de controlar os prezos e a garantía de acceso á enerxía como "un ben básico".

"Para alén, reclamamos unha tarifa eléctrica galega como país produtor excedentario de enerxía eléctrica, así como quitar da factura todos aqueles cargos e peaxes que non teñen que ver coa xeración e distribución da electricidade e, no medio prazo, unha regulación do sector eléctrico modificando os criterios do mercado marxinalista", salientou.

Por outra parte, afirmou que é preciso "atender a situación dos consumidores domésticos baixando o IVE ao tipo reducido de 4% para os bens e servizos esenciais", entre os que citou alimentación, en concreto o peixe; produtos de hixiene feminina, ou o gas, a auga e a electricidade.

Finalmente, Rego instou a participar da manifestación nacional convocada para o vindeiro domingo, 3 de abril, en Compostela, para reclamar que "tanto o Goberno galego como o do Estado actúen de forma inmediata e áxil para paliar a crise".

Comentarios