O Goberno español separará os prezos da luz e o gas "en tres ou catro semanas"

Teresa Ribera cre que cómpre buscar novos provedores de gas, entre os que citou Alxeria ou Qatar, ante un eventual veto total da UE á importación de gas ruso, mentres desde o BNG piden unha "excepción galega" para rebaixar a factura da luz e a Xunta ve "improvisación" nesta medida.
O Goberno español anunciou que no Consello Europeo se aprobara unha "excepción" para España e Portugal. (Foto: Europa Press)
photo_camera O Goberno español anunciou que no Consello Europeo se aprobara unha "excepción" para España e Portugal. (Foto: Europa Press)

A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, sinalou que esperan facer operativa en "tres ou catro semanas" a "excepción ibérica" acordada esta sexta feira polos líderes europeos, que permitirá ao Estado español e Portugal adoptar medidas para rebaixar os prezos da enerxía.

Neste senso, Ribera explicou que o acordado no seo do Consello Europeo "é unha orientación política" e que o que se introduciu é "unha habilitación para que a Comisión coñeza e autorice o mecanismo que España e Portugal deben remitir en principio esta semana".

"A Comisión necesitará uns días, unhas semanas, para comprobar que todo é correcto ou recomendarnos introducir melloras, e calculamos que en tres ou catro semanas poderemos ter un pronunciamento da Comisión sobre aquilo que estamos a propor e facelo inmediatamente operativo", sinalou a vicepresidenta terceira nunha entrevista na canle 24 horas de RTVE.

A ministra española subliñou que van introducir "un sistema de pagamento do gas como corresponde": "Hai que pagar o gas en todo caso pero queremos que ese prezo do gas non sexa o prezo ao que se pague o resto da electricidade que se produce, que ten un prezo máis barato. O que faremos é separar o gas do mecanismo de formación de prezo".

Ribera non descartou que nas próximas datas a UE feche a entrada de gas ruso, polo que é "capital", dixo, buscar outros provedores, entre os que citou Alxeria, Australia, Noruega ou Qatar.

Unha "excepción galega" á "ibérica"

Pola súa parte, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu que se cree unha "excepción galega" para que a Galiza teña dereito a unha rebaixa na factura da luz como compensación a ser "un dos grandes produtores de electricidade" no Estado.

Explicou que sería a "compensación" pola especialización na produción de enerxía e polos "custos sociais e ambientais". Aliás, engadiu que, aínda que dita medida sería "xusta sempre, o é moito máis nun contexto de crise como o actual".

"Improvisación"

O vicepresidente primeiro da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, asegurou este sábado que o acordo europeo en materia enerxética alcanzado polo Goberno estatal "non é o que quería Pedro Sánchez" e cualificouno de "improvisación de última hora".

Neste sentido, Rueda espera que o Consello de Ministros da próxima terza feira concrete os detalles e efectúe a baixada do prezo da luz "rapidamente" porque "non se pode esperar máis".

Comentarios