Sánchez anuncia unha "excepción ibérica" que permitirá que España e Portugal rebaixen os prezos da enerxía

"A partir de hoxe poderemos pór en marcha medidas excepcionais e limitadas no tempo para reducir os prezos da enerxía", dixo, mais matizou que a Comisión Europea deberá avalar todas as propostas.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e o primeiro ministro de Portugal, António Costa, nun encontro recente en Bruxelas (Foto: Mario Salerno / EU Council).
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e o primeiro ministro de Portugal, António Costa, nun encontro recente en Bruxelas (Foto: Mario Salerno / EU Council).

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, avanzou esta sexta feira que os líderes europeos acordaron na cimeira do Consello Europeo unha "excepción ibérica" que permitirá España e Portugal adoptaren medidas para rebaixar os prezos da enerxía.

Sánchez compareceu xunto ao primeiro ministro portugués, António Costa, tras máis de nove horas e media de debate, para anunciar o que cualificou de "gran logro" para ambos os países, que levan meses traballando neste sentido.

"A partir de hoxe poderemos pór en marcha medidas excepcionais e limitadas no tempo para reducir os prezos" da enerxía, sinalou Sánchez, precisando que ambos os gobernos terán que presentar as súas propostas á Comisión Europea para que dea o seu aval, para o que se terán en conta "as condicións especiais da Península" como "illa enerxética".

O presidente do Goberno subliñou que é "unha medida excepcional, temporal, que non supón subvencionar o gas, que non distorsiona os incentivos para as renovábeis nin os fluxos eléctricos entre países" e que, en definitiva, "non distorsiona o mercado da electricidade" europeo. "Vai permitir ambos os gobernos rebaixaren os prezos da enerxía", remarcou.

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, valorou "esforzo conxunto" de España e Portugal que, segundo dixo, logrou que a Unión Europea recoñeza "a singularidade do mercado enerxético ibérico".

"O Goberno de España está determinado a levar adiante todas as medidas que sexan necesarias no sector enerxético para afrontar esta crise", escribiu a vicepresidenta, nunha mensaxe publicada en Twitter tras a comparecencia de Sánchez e Costa.

Porén, contra as 16 horas Pedro Sánchez abandonou a reunión, molesto por unha filtración na que se acusaba España de vetar o acordo por non incluír as súas demandas.

Comentarios