O BNG aposta por unir Compostela con Lugo por ferrocarril

Un día despois de que centos de veciños de Lugo se manifestarán para mellorar os servizos ferroviarios na comarca, o BNG volve reclamar a unión da cidade das murallas con Compostela por camiño de ferro.

Nestor Rego, durante a comparecencia [Nós Diario].
photo_camera Nestor Rego, durante unha comparecencia no Congreso [Nós Diario].

O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamar dentro das súas emendas aos orzamentos xerais do Estado a conexión ferroviaria entre Lugo e Compostela. Segundo sinala o voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego trátase, dun actuación que só require erguer 30 quilómetros de vía nova.

Rego afirma que “en materia ferroviaria, entendemos que o Goberno do Estado non ten ningunha escusa para construír a liña que permitiría conectar Lugo con Santiago de Compostela. Coa construción de 30 quilómetros, enlazando as paradas de Curtis e Ordes, poderíamos vertebrar o noso territorio”.

Proximidades ferroviarias

A aposta dos nacionalistas en materia ferroviaria pasa por continuar coas obras pendentes da alta velocidade e dar comezo as actuacións precisas para conectar internamente Galiza. Neste sentido, O BNG considera chave implementar progresivamente os servizos de proximidades.

O voceiro do BNG no Congreso considera “que non abonda con estabelecer conexión con Madrid, é preciso conectar as principais cidades do país e pór en marcha un servizo de proximidades, así como crear novos apeadeiros en zonas de crecemento poboacional”.

O dirixente nacionalista defende “unha mobilidade que responda ás necesidades das galegas e galegos e contribúa ao desenvolvemento do noso país cunha rede ferroviaria de calidade”. Nesta dirección, crítica que Estado negue a Galiza os servizos de proximidades ferroviarias.

Seguridade viaria en Arzúa

Rego formula esta demanda xunto a outra serie de actuación dirixidas a mellorar as infraestruturas galega. A este respecto, sinala a necesidade de resolver os problemas de seguranza viaria na N-547. Nesta dirección, esixe “a mellora do tramo entre Arzúa e o acceso da A-54, na parroquia de Burres, co obxectivo de mellorar os accesos de Pantiñobre, Preguntoño, Castro e Cortobe” .

O voceiro nacionalista demanda “unha partida para realizar a conexión da N-547 coa zona do oeste do Polígono Industrial de Arzúa, xa que contribuiría a valorizar o polígono”

O BNG propón diversas actuacións para mellorar a seguridade viaria. Unha delas, reclama solucións para a N-634 ao seu paso polo núcleo de Teixeiro, no concello de Curtis”.

Rego lembra que “introducimos unha emenda para solucionar este problema. É urxente que o MITMA leve a cabo unha actuación para delimitar máis correctamente as vías de servizo e eliminar este punto negro”

Comentarios