O BNG reivindica cunha viaxe en ferrocarril até Parga un "tren áxil" que conecte Lugo

Máis dunha ducia de pasaxeiros acompañaron o tenente alcalde Rubén Arroxo con pancartas coa lenda: "Lugo Quere Tren"
Rubén Arroxo en Parga xunto a outros cargos orgánicos e institucionais do BNG. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Rubén Arroxo en Parga xunto a outros cargos orgánicos e institucionais do BNG. (Foto: Nós Diario).

O tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, subiu ao tren a primeira hora da mañá deste domingo na estación da cidade canda a outros cargos orgánicos e institucionais do BNG na comarca para percorrer os máis de 40 km de distancia entre Lugo e Parga.

Con esa viaxe en tren quixeron "reclamar un servizo áxil de ferrocarril que sirva para unir Lugo co resto de capitais galegas e estatais".

Rubén Arroxo lembrou a manifestación que ten convocada o BNG para a próxima sexta feira, 28 de outubro, na que "se demandará un ferrocarril digno para Lugo baixo as siglas LQT -Lugo Quere Tren-". A manifestación partirá, ás 20.15 horas, da praza Maior e rematará diante da Subdelegación do Goberno do Estado.

Abandono

Arroxo lembrou que o BNG entregou no Ministerio de Transportes. Mobilidade e Axenda Urbana, en Madrid, "máis de 4.000 sinaturas das veciñas e veciños de Lugo que reclaman ao Goberno do Estado un compromiso real con Lugo".

Neste sentido, o tenente alcalde subliñou os "anos de abandono" que sufriu Lugo por parte dos distintos Gobernos, que obrigan agora á veciñanza a saír á rúa e uns "servizos ferroviarios dignos" que respondan ás súas necesidades.

É máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela

"Os orzamentos presentados non melloran a situación de Lugo, deixando de lado a necesaria mellora das infraestruturas ferroviarias que precisa Galiza e sobre todo a posibilidade de ter un tren de proximidade propio que nos permita desprazarnos entre vilas e cidades", afirmou Arroxo, quen engadiu que "Lugo segue á cola nos investimentos, especialmente no ferrocarril, onde continuaremos con infraestruturas do século XIX".

Madrid máis perto que Compostela

Pola súa parte, o responsábel do BNG, Felipe Rivas, afirmou que "a chegada do AVE a Galiza, con case 30 anos de atraso sobre a data anunciada nun primeiro momento polo Goberno do Estado, só supuxo que agora sexa máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela".

É por iso que a formación nacionalista recolleu sinaturas nos últimos meses baixo o lema 'Lugo Quere Tren', co obxectivo de por a cidade "no mapa dos servizos ferroviarios, rematando con anos de recortes e eliminacións de conexións que son necesarias para as veciñas e veciños de Lugo".


Na viaxe participaron, entre outras persoas, Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua no concello de Lugo, Olalla Rodil, vicevoceira do Grupo Parlamentar do BNG e outros cargos institucionais e orgánicos do BNG.

Comentarios