Sandra González, alcaldesa de Tomiño: "O tren de Portugal é perfecto para unir a franxa atlántica"

'Enche o teu monte de vida autóctona' é unha das últimas iniciativas do Concello de Tomiño para vestir o monte de verde contra os incendios, nunha contorna onde a mobilidade e a colaboración transfronteirizas son un eixo esencial de traballo. A alcaldesa, Sandra González, urxe acabar co freo do "minifundismo mental".
A rexedora de Tomiño, Sandra González. (Foto: Nós Diario).
photo_camera A rexedora de Tomiño, Sandra González. (Foto: Nós Diario).

—Veñen de entregar entre a veciñanza máis de 1.600 árbores frondosas e autóctonas. Con que obxectivo?

Optamos regalar árbores autóctonas porque son un auténtico cortalumes. Onde hai carballos ou castiñeiros o lume para. E onde arde é onde está sen limpar ou hai árbores pirófitas que propagan aínda máis o lume. Esa foi a nosa idea, promocionar que siga habendo verde pero con seguridade. Agora mesmo, o abandono das terras nalgúns lugares fai que moitas estean a monte, espidas ou con vexetación pouco axeitada, e iso non pode ir nunca en detrimento da seguridade. 

—A paisaxe tamén se ve ameazada polas grandes infraestruturas e o caso da autovía do Baixo Miño. Que impacto terá no municipio?

Aínda queda moito. O trazado final non afecta zonas especialmente sensíbeis, como facían outros anteriores, que pasaban por zonas cun valor ecolóxico maior, pola beira do Miño e polo monte, con especial incidencia nas augas. Intentamos que o impacto sexa o mínimo posíbel, pero falamos dunha grande infraestrutura, moi agresiva co territorio, polo tanto, sempre vai ter consecuencias. Con todo, esperamos que acepten as alegacións que presentamos desde o concello e se minimicen os efectos.

—É unha obra imprescindíbel para a comarca? 

A comarca do Baixo Miño é a última na que queda por facer unha infraestrutura destas características tendo en conta o nivel de tráfico que soportamos. É unha obra que por seguridade e conectividade demandan sobre todo os concellos máis afastados, A Guarda e O Rosal, pero que a nós tamén nos aproxima a importantes centros de traballo como Porriño e Vigo. Nese sentido, é positiva.

 
—Mais non é o centro da mobilidade á que aspiran no futuro.

Sen dúbida o gran esquecido da mobilidade na comarca do Baixo Miño é o tren. Mais eu sempre digo o mesmo: o baixo Miño ten tren, pero teno polo lado portugués. Temos que pensar en derrubar as fronteiras mentais e asumir que o noso tren pasa por Vilanova de Cerveira, Valença e Caminha. Esa perspectiva, ese cambio de mentalidade, de compartir, de sermos complementarios e non duplicar servizos, gasto e mantemento faría que a comarca do Baixo Miño ocupase unha centralidade territorial impresionante entre Porto, Vigo e A Coruña. De cara ao futuro temos que pensar nesa mobilidade. Temos que ir reducindo o transporte individual en favor do colectivo. O tren que temos en Portugal é perfecto para unir toda a franxa atlántica. O lóxico sería que un veciño de Tomiño collese o tren en Cerveira e chegase a Vigo, Compostela, A Coruña ou Lisboa. Iso sería o lóxico e iso é o que ten que ser no futuro.  

—Malia as dificultades, a conexión entre Tomiño e Vilanova de Cerveira, ao outro lado da raia, está moi asentada. 

Compartimos a piscina, de feito, 60% das persoas usuarias da piscina de Vilanova de Cerveira son galegas. Con ese minifundismo mental, se nós construímos outra piscina en Tomiño, teríamos que asumir o custo enerxético, de mantemento e espiríamos a piscina de Vilanova. Non tería sentido. Compartimos escola de música, que eles non teñen. E compartimos xestión en cousas que van máis aló, como é pór en común que facemos os dous concellos, con iniciativas como o orzamento participativo transfronteirizo ou as valedoras da cidadanía. Cada mes xuntámonos o presidente da cámara de Cerveira e o Concello de Tomiño no que chamamos comité de xestión estratéxica. Tomamos decisións comúns a problemas comúns, igual que facemos os alcaldes da mancomunidade do Baixo Miño.

O parque da Amizade, símbolo da unión

O gran parque da amizade é un dos proxectos máis importantes que teñen  entre mans Tomiño e Vilanova de Cerveira. "Dous grandes espazos públicos, un a cada lado do río, na parte máis estreita, cuns valores paisaxísticos e medioambientais excepcionais e que aspiramos a unir cunha pasarela peonil". e facer unha xestión conxunta dese espazo. Sería como unha gran zona franca social xestionada de forma conxunta, afirma Sandra González, "un símbolo da unidade na fronteira".

Ese límite xeográfico aínda o é, tamén, no plano burocrático. As trabas administrativas impiden, por exemplo, un proxecto educativo común, permeábel. "A UE é consciente disto e traballa para melloralo, mais avanza lentamente". Ao contrario que o sector da planta ornamental.  "Foi dos poucos que aumentou coa Covid. Segue sendo punteiro na comarca canda o do viño, os kiwis e agora o da hortifruticultura".

Comentarios