Besteiro entra nas quinielas de ministrábeis de Pedro Sánchez

José Ramón Gómez Besteiro “estará onde queira”, mesmo de candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza. Neste sentido, téñense pronunciado na última semana diversos dirixentes da formación, entre eles o líder do partido, Valentín González Formoso, que mantén a súa disposición a encabezar a lista dos socialistas nos vindeiros comicios galegos.

 

José Ramón Gómez Besteiro e Valentín Formoso. (Foto: Nós Diario).
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro e Valentín Formoso. (Foto: Nós Diario).

Primeiro foi Javier Cerqueiro -xefe de Gabinete de Besteiro cando este era presidente da Deputación de Lugo e persoa do seu círculo máis próximo- quen manifestou o seu apoio ao socialista lugués. Despois, José Manuel Laxe, secretario de Organización do PSdeG, quen o cualificou como un “dos mellores activos do PSdeG” e o animou a “estar na primeira liña”. Continuou Valentín González Formoso, secretario xeral dos socialistas, quen lle expresou todo o seu "apoio persoal", "se quere ser candidato á Xunta".

Méndez con Besteiro

A vicesecretaria xeral do PSdeG e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, foi a última dirixente socialista en trasladar o seu apoio a Besteiro. Persoa moi próxima no político e no persoal ao anterior presidente da Deputación de Lugo, a quen debe parte das súas responsabilidades orgánicas e institucionais, sinalou onte: “Creo en Besteiro e gustaríame que dese o paso para estar na primeira liña da acción política”, insistindo en que considera que "é un activo moi bo e moi importante”.

As fontes socialistas consultadas por Nós Diario dan a entender que a candidatura de Besteiro á Presidencia da Xunta da Galiza contaría co apoio da maioría articulada arredor de González Formoso no congreso socialista do pasado ano. Porén, destacan que o político lugués, como persoa prudente e inimiga dos conflitos internos, tomará a súa decisión atendendo ao seu círculo próximo e ás mensaxes que lle cheguen do interior do partido.

Besteiro tería no seu paso adiante axuda da dirección estatal de Ferraz e do propio Pedro Sánchez. Neste sentido, algúns cadros socialistas manexan a posibilidade se que o socialista lugués sexa chamado polo presidente do Goberno do Estado para ser ministro no seu próximo Gabinete -que presentará a finais de xaneiro-, co obxectivo de reforzar a súa posición na Galiza de cara a lanzar a súa posíbel candidatura a presidencia da Xunta.

Unha parte significada dos socialistas galegos agardan por Gómez Besteiro para armar a súa alternativa e candidatura á Presidencia da Xunta. Malia que desde o círculo do político lugués advirten de que tardará en facer pública a súa decisión, o tempo xoga na súa contra, atendendo aos propios prazos electorais e ao seu nivel de coñecemento fóra da circunscrición de Lugo.

A opción Caballero

Gonzalo Caballero foi o primeiro cargo do PSdeG en discrepar da conveniencia da candidatura de Besteiro. Nunhas declaracións efectuadas onte, afirmou que o partido non só “non mellorou” senón que estivo “moito peor” durante a etapa de Besteiro na secretaría xeral e animou a militancia a escoller “o mellor cartel” para as galegas. Neste sentido, as fontes socialistas consultadas por este xornal non descartan que Caballero se presente ás primarias da formación para volver competir pola Presidencia da Xunta.

Comentarios