Análise

Besteiro, o retorno do home que nunca se foi

O arquivo do caso Garañón abre a aporta a Besteiro para volver á primeira liña das responsabilidades políticas dentro do PSdeG.
José Ramón Gómez Besteiro nun encontro con Valentín Formoso. (Foto: @jrgomezbesteiro)
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro nun encontro con Valentín Formoso. (Foto: @jrgomezbesteiro)

A decisión da Audiencia de Lugo de arquivar as dilixencias abertas en 2015 contra José Ramón Gómez Besteiro ten unha lectura xudicial e outra política. A primeira cuestiona a lóxica dos tempos procesuais e a segunda abre a aporta a Besteiro para volver á primeira liña das responsabilidades políticas.

José Ramón Gómez Besteiro sempre estivo aí. Malia que a súa imputación en xullo de 2015 por parte da xuíza Pilar de Lara o obrigou a renunciar á secretaría xeral do PSdeG-PSOE, apartouno da carreira á Presidencia da Xunta da Galiza e motivou un paso atrás na súa militancia política, o ex presidente da Deputación de Lugo mantivo unha innegábel influencia nas estruturas e, sobre todo, na afiliación do partido na circunscrición.

As pegadas da influencia de Besteiro no PSdeG-PSOE de Lugo son doadas de seguir. Se pomos o ollo nas principais referencias do partido no ámbito local, son de testada lealdade a Besteiro a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ou a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, rexedoras da primeira e terceira poboación en habitantes da circunscrición.

Ao tempo, partillan proximidade con Besteiro a maioría dos alcaldes dos 30 concellos onde gobernan os socialistas na comarcas de Lugo, moitos dos cales contaron co seu apoio nos tempos da oposición ou para asentarse no poder. Neste grupo atópanse influentes rexedores do ámbito rural con altas porcentaxes de voto, como Miguel Ángel Sotuela, de Ribas de Sil; Lino Rodríguez Ónega, de Pol, ou Antonio de Dios, de Meira.

As xentes do círculo máis próximo a Gómez Besteiro reteñen importantes responsabilidades institucionais. O seu xefe de gabinete no Concello e na Deputación de Lugo, Javier Cerqueiro, ocupa actualmente escano no Congreso dos Deputados e a súa antiga xefa de prensa Leticia Vilar representa o PSOE no Consello de Administración da CRTVG. Pola súa banda, unha colaboradora de máxima confianza como Pilar Porto mantense como voceira do grupo socialista na corporación provincial de Lugo. Porén, as súas relacións co aparato do partido en Lugo non son do máis fluídas, malia que a secretaría de organización está ocupada polo seu antigo delfín, Xoán Valiño.

Un encaixe pendente do congreso PSdeG-PSOE

A nova situación procesual de Gómez Besteiro introduce algunhas certezas pero tamén varias incógnitas. Neste sentido, dáse por seguro o seu retorno á primeira liña política, mais descoñécese o seu encaixe, moi condicionado polos resultados do congreso que os socialistas galegos van realizar no outono. A este respecto, é coñecida a amizade e proximidade de Gómez Besteiro co presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso, un dos dirixentes do PSdeG-PSOE máis críticos con Gonzalo Caballero e que algúns sectores do partido ven como futuro líder da organización na Galiza. Semella que a referida cita congresual vai ser chave para o futuro do antigo secretario xeral dos socialistas galegos.

Gómez Besteiro, liberado da imputación polo coñecido como “caso Garañón”, ten vía libre para facer case o que queira. Persoa prudente e inimigo das liortas e conflitos internos, tomará a súa decisión atendendo ao seu círculo próximo e ás mensaxes que lle cheguen do interior do partido. Mentres a gran maioría da afiliación socialista nas comarcas de Lugo teno claro e sinala que Gómez Besteiro non ten escusas para non exercer o liderado que nunca perdeu, entres os cadros da formación na Galiza non hai dúbida de que a opinión de Besteiro revistará moita importancia no próximo congreso para decantar nun sentido ou noutro as bases do PSOE de Lugo.
 

Comentarios