Os baróns do PP galego reclamarán cota territorial no futuro Goberno da Xunta

A sucesión de Feixoo pon ao descuberto as costuras do PP na Galiza.
Alberno Núñez Feixoo e Pablo Casado. (Foto: Europa Press).
photo_camera Alberno Núñez Feixoo e Pablo Casado. (Foto: Europa Press).

Alberto Núñez Feixoo prepárase para cumprir esta fin de semana o soño de toda unha vida. O aínda mandatario galego será nomeado presidente dos populares no congreso de Sevilla porén deixa a formación na Galiza nunha situación de interinidade e de marcada división interna entre as familias. A batalla pola sucesión de Feixoo xa se dá por descontada no debe do partido para os próximos meses.

A primeira xornada do congreso dos populares cinxiuse ao guión. Agás José María Aznar, a quen a Covid non o deixou participar no conclave e tivo que intervir por videoconferencia, na sesión de tarde sucedéronse os discursos dos pesos pesados da formación, comezando polo presidente andaluz, Juan Manuel Moreno Bonilla, e rematando polo candidato á presidencia do partido, Alberto Núñez Feixoo. Entre eles Mariano Raxoi, o presidente saínte, Pablo Casado e a totalidade dos baróns territoriais, toda unha mensaxe de quen mandará no PP no vindeiro período. 

Feixoo comezou pagando favores a aqueles dirixentes que o apoiaron no asalto á presidencia do PP. Neste sentido, explícase a designación como coordinador xeral da formación do portavoz do Goberno andaluz, Elías Bendodo, man dereita de Juan Manuel Moreno Bonilla, unha persoa chave no derrocamento de Casado. 

Agárdase que Feixoo reserve no comité de dirección do partido a súa cota ás propostas do presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, e da mandataria madrileña, Isabel Díaz Ayuso. A este respecto, dáse por feita a presenza no mesmo de Alfonso Serrano, portavoz do PP na Asemblea de Madrid.

O relevo na Galiza

A cabeza da maioría dos membros da delegación galega presente en Sevilla estaba na Galiza e máis concretamente no complicado proceso de relevo de Feixoo que teñen por diante. Tanto é así que o secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado dedicou as súas primeiras palabras a sinalar que a formación “tomará decisións a partir da próxima semana”, farao “sen apuros, sen présas” e con garantías de manter “a estabilidade” até o remate da lexislatura. “Resolvamos a cuestión como o fagamos, o PPdeG seguirá sendo garantía de estabilidade e gobernabilidade”, concluíu Tellado, a quen algunhas fontes sitúan con Feixoo en Madrid.

Os populares asumen que se abre un período conflitivo para o partido na Galiza. A este escenario, contribúe a resistencia de varios dirixentes territoriais a aceptar o proceso de sucesión deseñado polo círculo de Feixoo, a vontade de conseguir cotas de poder no futuro Executivo galego e as dúbidas que suscita Alfonso Rueda como novo líder do PP na Galiza. Unha parte da organización acusa o actual vicepresidente da Xunta de carecer de tirón electoral e preséntano como un candidato perdedor.

A estrutura organizativa do PP galego teme que un conflito no proceso de recambio de Feixoo pase factura nas eleccións locais, os comicios onde a formación consegue os peores resultados electorais e que van ser chaves para Feixoo polo seu carácter de primarias das eleccións estatais de 2024.

Casado renuncia ao escano no Congreso dos Deputados

As intervencións máis agardadas da primeira xornada do congreso dos populares eran as de Pablo Casado e Alberto Núñez Feixoo. O presidente saínte cualificou o seu último mes á fronte do partido de “agridoce, que comezou cun sentimento de inxustiza superado logo por un de profunda gratitude”.

Afirmou que “eu sempre dixen a verdade, custase o que custase, enfrontáseme a quen me enfrontase” e confirmou a súa renuncia ao escano, porque “o mellor é dar un paso a un lado”. Pola súa parte, Núñez Feixoo significou que “subín esas escaleiras como consecuencia de 30 anos de entrega persoal e profesional, e de 20 anos de militancia política (...) estou moi orgulloso do meu partido. Percíbovos consciente da nosa responsabilidade, porque estamos xuntos”.

Comentarios