18-F | Barómetro para Nós Diario

Barómetro de EM-Analytics (5 de febreiro): O PP volve a 39 escanos pero ten o último en todas as circunscricións

A entrega desta segunda feira do barómetro elaborado por EM-Analytics para 'Nós Diario' devolve o Partido Popular aos 39 escanos, dá un representante a DO e quítallo a Sumar. Porén, esta enquisa deixa tamén un escenario especialmente aberto, pois a formación liderada por Alfonso Rueda defendería o último escano nas catro circunscricións e, por tanto, ficarían no ar esas catro actas. Até o 12 de febreiro, cada día unha nova entrega do 'tracking' electoral de EM-Analytics.

Estimación de votos e escanos segundo o barómetro de EM-Analytics para 'Nós Diario' desta segunda feira, 5 de febreiro.
photo_camera Estimación de votos e escanos segundo o barómetro de EM-Analytics para 'Nós Diario' desta segunda feira, 5 de febreiro.

Un Partido Popular estábel, un BNG á alza e un PSdeG incerto. Esas son as tres principais conclusións que poden extraerse do tracking diario que desde o pasado 1 de febreiro, e até o vindeiro día 12, elabora o Instituto Demoscópico EM-Analytics en exclusiva para Nós Diario. A última entrega, a que se presenta esta segunda feira, devolve ao PP o escano que lle arrebatara Sumar en Pontevedra na anterior enquisa e eleva a súa representación no Parlamento galego até os 39 asentos.

Os populares anotan neste novo barómetro un 45,8% dos votos totais na Galiza, a mesma porcentaxe que lograra Manuel Fraga en 2005 cando perdeu o control da Xunta após 15 anos en favor do Goberno de coalición de PSdeG e BNG. A formación que lidera Alfonso Rueda fica estábel nestes rexistros desde que se publicou a primeira sondaxe de EM-Analytics para este xornal, o 20 de xaneiro. Desde entón, a súa estimación de voto oscilou entre o 45,4% na peor marca e o 46% na mellor.

 

Nesta serie de estudos demoscópicos sobresae o Bloque de Ana Pontón, que nesta nova entrega, se ben mantén os 22 deputados e deputadas da anterior, supera unha nova barreira e alcanza o 28,2% dos sufraxios, o que se traduce nunha repunta de seis décimas nun só día e en 1,9 puntos máis que no primeiro barómetro. E comparando cos comicios de 2020, o ascenso da formación nacionalista sería de 4,4 puntos.

O BNG anota o mellor resultado na circunscrición da Coruña (29,1%), e na de Ourense o peor (24,2%), se ben nesta última podería engadir aos tres escanos que xa tería asegurados un cuarto en detrimento do Partido Popular sumando 1,4 puntos máis. Aquí Democracia Ourensá parece consolidarse e sobe unha décima, até o 6,8%, asegurando así a presenza de Armando Ojea na Cámara galega.

 

E na liña oposta á tendencia alcista do Bloque e a estabilidade que marca o PP en termos electorais, o PSdeG cae por vez primeira neste tracking por baixo da barreira do 18%, anotando concretamente un 17,4% que, con todo, permitiría conservar os 13 escanos que viña mantendo nas últimas entregas. Ao igual que as nacionalistas, o partido de José Ramón Gómez Besteiro colleita o peor rexistro en Ourense (14,6%), e o mellor en Pontevedra, onde o empurre do feudo socialista de Vigo e a súa contorna eleva a 22,7% as papeletas e concede cinco actas que, sumadas ás sete do BNG, supera as dez do PP na única circunscrición na que os de Rueda, curiosamente pola que se presenta, son minoría fronte á oposición en número de representantes. Na lista que encabeza Besteiro, a de Lugo, podería arrebatarlle o último escano ao PP (-2,4 puntos).

A maior incógnita no panorama actual é o papel que xogará Sumar. Se ben en Lugo e Ourense parece calar a chamada ao 'voto útil' polas baixas expectativas que mostran a práctica totalidade das enquisas de distintos institutos e a dificultade que entraña obter representación nas dúas circunscricións nas que menos asentos se reparten (14), e a formación de Marta Lois obtén nesta nova entrega un 1,3% en Lugo e un 0,8% en Ourense.

 

Porén, o escenario é distinto na Coruña e Pontevedra, onde ficaría fóra do Parlamento mais ás portas de lograr unha acta, con 4,7% e 4,9% do voto respectivamente. De feito, esas tres décimas por baixo do limiar electoral de 5% no primeiro caso e unha no segundo son as que separan Sumar do escano en ambas as circunscricións, e nos dous casos a súa vitoria iría en detrimento do PP, que defende na enquisa de hoxe as últimas actas.

A candidatura de Podemos-Alianza Verde, pola súa parte, ficaría no 0,9% de votos no conxunto do país e só na Coruña e Pontevedra superaría a barreira do 1% (1,1%, en concreto, en ambos os casos), mentres en Lugo e Ourense obtén 0,2% e 0,3%, respectivamente. E o ultradereitista Vox anotaría un 2,8% total, co mellor resultado na Coruña (3,1%), que sería insuficiente para estrearse no Hórreo.

Até o 12 de febreiro, cada día unha nova entrega do 'tracking' electoral de EM-Analytics.

FICHA TÉCNICA

Universo: persoas con dereito a voto na Galiza. / Ámbito: Galiza / Cotas por escala ideolóxica, idade, sexo, renda, ocupación, territorio, formación e interese na política, segundo a distribución do censo electoral. / Tamaño da mostra: 1.400 enquisas satisfactorias. / Procedemento de recollida de información: Modelo híbrido. Entrevista online, asistida por ordenador con cuestionario intelixente estruturado CAWI. Reforzo de mostra en Lugo e Ourense con entrevistas telefónicas a fixos e móbiles, asistidas por sistema CATI. / Marxe de erro: 2,62% (N-1.400) para un grao de confianza do 95% (dous sigmas) e na hipótese de P=Q=0,5. / Duración do cuestionario: 4-5 minutos. / Datas do traballo de campo: Inicio do tracking: 1 de xaneiro. Mostra engadida: 3 e 4 de febreiro de 2024. / Número de supervisores: 3. / Responsábeis da análise: Rodrigo Panero e Miguel Díaz. / Instituto: EM-Analytics.com.

Comentarios