18-F | Barómetro para Nós Diario

Barómetro de EM-Analytics (4 de febreiro): o PP, con 38 escanos, a un paso de perder a absoluta

A entrega deste domingo do barómetro elaborado por EM-Analytics para 'Nós Diario' deixa o Partido Popular a un paso de perder a maioría absoluta que ostenta no Parlamento galego desde 2009. A formación liderada por Alfonso Rueda obtería hoxe 38 escanos, un menos que na anterior entrega deste 'tracking' diario, mentres Sumar e Democracia Ourensá lograrían os dous primeiros representantes na Cámara. Até o día 12, cada día unha nova entrega do 'tracking' electoral de EM-Analytics.
Estimación de votos e escanos para as eleccións do 18 de febreiro, segundo o barómetro de EM-Analytics para 'Nós Diario' deste sábado, 4 de febreiro.
photo_camera Estimación de votos e escanos para as eleccións do 18 de febreiro, segundo o barómetro de EM-Analytics para 'Nós Diario' deste domingo, 4 de febreiro.

Pasadas pouco máis de 48 horas do arranque da campaña electoral de cara ao vindeiro 18-F, e a falta de dúas semanas exactas para os comicios, a última entrega do barómetro diario do Instituto Demoscópico EM-Analytics en exclusiva para Nós Diario axita significativamente o taboleiro político. A enquisa deste domingo, 4 de febreiro, recolle importantes mudanzas respecto á do sábado, pois se ben o Partido Popular obtén hoxe o mesmo 45,6% de estimación de voto, esta porcentaxe non sería suficiente para manter as 39 actas que lle outorgaba a anterior sondaxe.

A formación que encabeza Alfonso Rueda seguiría unha liña descendente á que tamén apuntan o resto de estudos demoscópicos e perdería un representante por Pontevedra, a única circunscrición na que sería minoría fronte ás formacións nacionalistas e de esquerdas tanto en votos como en escanos, cun 40,1% dos sufraxios que se traduciría en nove actas. E o escano que perdería respecto ao barómetro do sábado —e mais os anteriores— iría parar ás mans de Sumar (5,1%), e máis concretamente daría un asento no Parlamento a Ramón Sarmiento, número un da formación progresista por Pontevedra. Non entraría na Cámara, porén, a súa candidata á Presidencia, Marta Lois, que concorre na lista pola Coruña.

 

Seguindo con Pontevedra, circunscrición na que están en xogo 22 asentos, en segunda posición emerxe un BNG reforzado con sete escanos e 28,3% dos votos, mellorando as súas marcas de 2020, e o PSdeG sería terceiro, con 22,7% dos apoios e cinco actas.

A formación nacionalista, de feito, lograría no conxunto da Galiza o mellor resultado da súa historia, ficando no segundo posto con 27,6% do voto —dúas décimas máis que na enquisa deste sábado— e 22 escanos, tres máis que nos anteriores comicios. E terceiro volvería quedar o PSdeG, desta volta con José Ramón Gómez Besteiro como candidato e logrando un 18,3% que suporía perder un representante respecto a 2020, caendo a 13.

 

A outra forza que lograría estrearse no Parlamento galego sería Democracia Ourensá, que cun 0,8% do voto en todo o país e 6,7% na única circunscrición na que se presenta daría un asento a Armando Ojea. Tamén en Ourense, o PP sería a forza máis votada con 52,3% dos sufraxios e oito actas, por volta do 24,1% e tres deputados do BNG e 13,2% e 2 do PSdeG.

En Lugo o resultado sería moi semellante, cos populares cos mesmos rexistros que en Ourense —52,3% de apoios e oito actas—, se ben o Bloque afianzaría a súa segunda posición con 26,2% dos sufraxios e 4 escanos, mentres o PSdeG lograría 17,4% e dous asentos, para Besteiro e a ex alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

 

Finalmente, na circunscrición da Coruña o PP aseguraría un 46,4% das papeletas que lle permitiría obter 13 dos 25 escanos, mentres o BNG lograría 8 con 28,4% dos votos e o PSdeG, 4 co 16,4%. Sumar, e por tanto Marta Lois, ficaría a unha décima de acceder á Cámara galega arrebatándolle o último escano ao Bloque.

Até o 12 de febreiro, cada día unha nova entrega do 'tracking' electoral de EM-Analytics.

FICHA TÉCNICA

Universo: persoas con dereito a voto na Galiza. / Ámbito: Galiza / Cotas por escala ideolóxica, idade, sexo, renda, ocupación, territorio, formación e interese na política, segundo a distribución do censo electoral. / Tamaño da mostra: 1.400 enquisas satisfactorias. / Procedemento de recollida de información: Modelo híbrido. Entrevista online, asistida por ordenador con cuestionario intelixente estruturado CAWI. Reforzo de mostra en Lugo e Ourense con entrevistas telefónicas a fixos e móbiles, asistidas por sistema CATI. / Marxe de erro: 2,62% (N-1.400) para un grao de confianza do 95% (dous sigmas) e na hipótese de P=Q=0,5. / Duración do cuestionario: 4-5 minutos. / Datas do traballo de campo: Inicio do tracking: 1 de xaneiro. Mostra engadida: 2 e 3 de febreiro de 2024. / Número de supervisores: 3. / Responsábeis da análise: Rodrigo Panero e Miguel Díaz. / Instituto: EM-Analytics.com.

Comentarios