Baltar será o responsábel político do comité de campaña do PP en Ourense de cara ás eleccións estatais

Presidido por Baltar, o comité executivo reuniuse para nomear os 25 membros do comité de campaña que se encargará da organización dos actos que se desenvolverán na circunscrición de Ourense no marco das eleccións do próximo 23 de xullo.
O presidente do PP ourensán, Manuel Baltar, con Alfonso Rueda en segundo plano, durante un acto de campaña. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera O presidente do PP ourensán, Manuel Baltar, con Alfonso Rueda en segundo plano, durante un acto de campaña. (Foto: Agostime / Europa Press)

O presidente do PP en Ourense e presidente en funcións da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, será o responsábel político do comité de campaña para as eleccións estatais do 23 de xullo (23-X) que coordinará Ana Vilariño; e no que Jorge Pumar figura como responsábel de actos públicos; mentres que o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, se encargará dos actos sectoriais.

Presidido por Baltar, o comité executivo reuniuse para nomear os 25 membros do comité de campaña que se encargará da organización dos actos que se desenvolverán na circunscrición de Ourense no marco das eleccións do próximo 23 de xullo.

Esta decisión do PP da Galiza chega após as polémicas que protagonizou o propio Baltar coas multas por exceso de velocidade mentres conducía un coche oficial da Deputación que preside.

Nun comunicado, o dirixente popular reivindicou o PP como "única garantía de estabilidade" e augurou que España recuperará "o goberno que merece da man" de Alberto Núñez Feixoo. Con el e co líder do PP na Galiza, Alfonso Rueda, estará no acto previsto o domingo no Multiusos do Sar compostelán, ao que prevé acudir.

"Esta cita será unha nova demostración de forza do PP e un novo paso cara á vitoria do 23 de xullo", aseverou, ademais de remarcar que o PP de Ourense activa a súa maquinaria electoral para "alcanzar un resultado histórico" e contribuír á chegada "dun ourensán" á Moncloa.

“Mobilización completa”

"A mobilización será completa porque o 23 de xullo xogámonos moito. E o PP de Ourense responderá como sempre: cun enorme traballo que culminará cunha gran vitoria electoral que contribuirá a situar un ourensán como Alberto Núñez Feixoo como próximo presidente de España", aseverou.

Entre os 25 membros do comité de campaña ourensán, figuran tamén Miri Barreira como responsábel de campaña; Ana Belén Vázquez como responsábel do voto exterior; e Marta Nóvoa, responsable de campaña de dirixentes galegos. Así mesmo, o candidato nas municipais, Manuel Cabezas, será o responsábel na cidade das Burgas.

Comentarios