Rueda e Prado evitan pronunciarse sobre o futuro de Baltar e a Deputación de Ourense

A secretaria xeral do PPdeG pospón a decisión do partido sobre a continuidade ou non do actual presidente do ente provincial até que se conformen os gobernos nos concellos.
O presidente do PP ourensán, Manuel Baltar, con Alfonso Rueda en segundo plano, durante un acto de campaña. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera O presidente do PP ourensán, Manuel Baltar, con Alfonso Rueda en segundo plano, durante un acto de campaña. (Foto: Agostime / Europa Press)

A secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, eludiu esta sexta feira falar sobre a continuidade ou non de José Manuel Baltar como candidato a presidir a Deputación de Ourense até que estean conformados "os gobernos para as cidades", que agora é "o primeiro" para o partido. Será a mediados de xuño. Así respondeu a 'número dous' do PP galego ao ser preguntada pola prensa sobre se hai algunha posibilidade de que Baltar, que leva á fronte do goberno provincial desde 2012 —herdou o cargo do seu pai, José Luís Baltar, que o ostentou desde 1990—, non sexa o candidato a revalidalo.

Por segundas eleccións municipais consecutivas, o PP quedou no ente provincial con 12 actas, a unha de conseguir a maioría absoluta. Isto abre a posibilidade de que haxa un pacto entre PSOE (7 escanos), BNG (3) e Democracia Ourensá (3), partido do alcalde da capital provincial, Gonzalo Pérez Xácome. Mais iso quedaría condicionado polo que aconteza na cidade de Ourense.

Neste escenario, e preguntada sobre se Baltar está confirmado como candidato popular', Paula Prado reiterou que o PPdeG "agora" fala "do que hai que falar", que é "de conformar gobernos nas cidades". "Non estamos a falar en ningún caso de ningunha Deputación", recalcou, posto que os 'populares' conseguiron o domingo unha maioría absoluta na de Pontevedra, sen que polo de agora estea despexada a incógnita de quen a dirixirá.

"Insisto. Estamos agora na conformación de gobernos nas cidades. Esa é a nosa prioridade. A conformación de gobernos provinciais virá nun proceso posterior a ese e nese momento falaremos", incidiu Prado, ante as preguntas da prensa. Tampouco se pronunciou sobre se Manuel Baltar podería ser 'recolocado' noutra institución, como o Senado, após as eleccións estatais do 23 de xullo.

Neste senso, a secretaria xeral do PPdeG respondeu que "os que están a buscar destino aos seus compañeiros de fila" son os socialistas, con posíbeis nomes como a presidenta saínte da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ou o secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Laxe, para "afastalo da Galiza" tras os "resultados nefastos" que tivo o seu partido nos comicios do domingo. "Nós estamos agora coa vista posta nos concellos e na conformación de gobernos municipais", volveu responder Prado.

Audios do irmán de Baltar

Este complexo escenario en Ourense coincide co procesamento xudicial de Baltar por un delito contra a seguridade viaria, despois de que o domingo 23 de abril fose interceptado pola Garda Civil a 215 quilómetros por hora na A-52, na provincia de Zamora, ao volante do coche oficial. Posteriormente, transcendeu unha multa ese mesmo día a máis de 170 km/h na mesma estrada, pero no municipio de Allariz.

Ademais, este panorama coincide coa publicación no diario Público duns audios nos que, supostamente, o irmán do presidente da Deputación, José Luís Baltar Blanco, recoñecería o financiamento ilegal do PP a través de comisións nas que actuaría como intermediario.

Interpelada en rolda de prensa, a secretaria xeral do PPdeG respondeu que "sobre este asunto xa se manifestaron compañeiros de Ourense", que avanzan accións legais contra todo aquel que insinúe que hai financiamento ilegal. De feito, Paula Prado lembrou que o BNG xa levou o asunto á Fiscalía, polo que rexeitou "facer xuízos paralelos" desde o partido.

Rueda elude apoiar o actual presidente

Tamén falou esta sexta feira a respecto da situación da Deputación de Ourense o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda. Malia que reivindicou que o PP é a primeira forza nas catro corporacións provinciais, no caso de Ourense volveu evitar falar de nomes e apoiar expresamente a Baltar. Preguntado polos medios sobre a posibilidade de situar a outro candidato, Rueda ironizou coa formulación de que "iso de que sería moito máis fácil con outro candidato o di vostede", en referencia ao xornalista que lle formulou a pregunta, para engadir que el non "escoitou" esa petición na rúa.

Na mesma liña que a súa secretaria xeral, Rueda manifestou que o PP "vai esperar" até a constitución dos concellos para falar de todo isto, que non vai ser antes de que se constitúan". "Se alguén quere facer a súa proposta antes, por suposto escoitarémolo, pero o PP é o máis votado nas deputacións, sempre o reivindico", aseverou. Sobre o nome que soou para situar á fronte da Deputación, Luís Menor, o presidente da Xunta desviou a cuestión para dicir que "afortunadamente" o PP ten "moitos candidatos que poderían ser ideais para moitos postos".

Comentarios