Baltar recibe unha segunda multa por exceso de velocidade na mesma viaxe en que foi 'cazado' a 215 km/h

Segundo informou na mañá desta segunda feira a 'Cadena Ser', Baltar foi multado unha segunda vez no mesmo traxecto cando ás 17:44 horas do 23 de abril na A-52, á altura de Allariz, o presidente do PP ourensán foi detectado por un radar conducindo a 173 quilómetros por hora nun tramo limitado a 120.
Manuel Baltar, presidente da deputación ourensá (Foto: Deputación de Ourense)
photo_camera Manuel Baltar, presidente da deputación ourensá (Foto: Deputación de Ourense)

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar continúa a recibir multas polo incidente en que foi ‘cazado’ a 215 quilómetros por hora nun coche oficial do ente provincial, un caso que axitou a política ourensá nas últimas semanas e que ocasionou reiteradas peticións de dimisión por parte de BNG e PSdeG.

Segundo informou na mañá desta segunda feira a Cadena Ser, Baltar foi multado unha segunda vez nese mesmo traxecto cando ás 17:44 horas do 23 de abril na A-52, á altura de Allariz, o presidente do PP ourensán foi detectado por un radar conducindo a 173 quilómetros por hora nun tramo limitado a 120.

Súmase así unha multa máis despois de que a Fiscalía pedise que lle retirasen o carné e que aboase unha sanción económica, unha pena coa que Baltar dixo estar desconforme ao entender que está sustentada en argumentos xurídicos "perfectamente recorríbeis".

Xuízo

O pasado día 11 de maio, o propio Baltar declaraba no xuízo rápido por este incidente despois de ter que aprazarse en até dúas ocasións. Finalmente declarou de maneira telemática ante a titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Poboa de Seabra.

Os avogados do político xa avanzaran que recorrerían ante a Audiencia Provincial de Zamora porque entenden que non debe haber proceso penal e confíaban en "deixar sen efecto" esa cita.

Peticións de dimisión

Esta segunda feira PSdeG e BNG volveron exixir esta segunda feira "a inmediata dimisión" do presidente da Deputación de Ourense e líder do PP neste territorio, Manuel Baltar, após coñecerse que o mesmo día en que foi interceptado en Zamora a 215 quilómetros por hora ao volante do coche oficial, o vehículo fora tamén multado por circular a 173 km/h pola mesma estrada (a autovía A-52) e aquel mesmo día, á altura de Allariz.

Os primeiros en reaccionar a esta información foron os nacionalistas. O portavoz do grupo provincial do BNG na Deputación, Bernardo Varela, foi contundente ao denunciar que o presidente "mentiu descaradamente o 28 de abril", cando foi preguntado no pleno polas multas e "pola temeraria condución" dun vehículo público, cuestións que Baltar reducira a un feito "illado".

Na mesma liña manifestouse o Partido Socialista. A secretaria xeral da agrupación municipal do PSdeG-PSOE, Natalia González, sinalou que "é unha raia máis ao tigre" e cualificou de "lamentábel" que unha cidade como Ourense "teña uns máximos representantes a nivel local e provincial que fagan estas cousas".

Comentarios