José Manuel Baltar perde forza na batalla para gobernar a Deputación de Ourense

Alfonso Rueda négase a avalar a candidatura á presidencia do barón ourensán.
Baltar, Rueda e Cabezas esta terza feira en Ourense (Foto: PP).
photo_camera Manuel Cabezas, Alfonso Rueda e José Manuel Baltar polas rúas de Ourense, durante a campaña electoral. (Foto: Nós Diario)

A batalla política en Ourense líbrase en dúas frontes pero os actores son os mesmos. PP, PSdeG, BNG e Democracia Ourensá xogan a súas cartas coa vista posta no Concello e na Deputación, conscientes de que as dúas institucións fan parte da mesma guerra. Os movementos das últimas horas abren a porta a calquera escenario. O presidente en funcións da Deputación ourensá, José Manuel Baltar, aparece como perdedor neste momento do xogo, mais aínda fica moito partido. Á ausencia dunha maioría clara na institución provincial sumáselle a falla de apoios firmes na dirección do PP. Esta mesma quinta feira, o mandatario galego e máximo responsábel dos populares, Alfonso Rueda, eludiu apoiar a candidatura de Baltar ao remate da rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

Rueda, interpelado pola candidatura de Baltar á presidencia da Deputación de Ourense, afirmou que "o que creo é que un candidato do PP debería presidir as entidades locais onde fomos os máis votados. Deféndoo con respecto á Deputación de Ourense e de calquera outra. E é o que defenderei, sen falar de persoas, nin sequera na que imos gobernar".

O presidente galego sabe dos riscos de apartar Baltar e pór en xogo a Deputación. Un conflito co presidente dos populares ourensáns, que mantén o apoio maioritario do partido na circunscrición, podería pór en risco a súa continuidade á fronte da Xunta da Galiza. Asemade, unha mudanza no Goberno da Deputación deixaría os populares sen a principal ferramenta de control político de Ourense e colocaría moitos dos seus alcaldes nunha situación límite.

Os movementos dos socialistas nas últimas horas van no sentido enunciado pola Executiva do PSdeG de Ourense. Malia que o candidato do partido na cidade e persoa próxima a Valentín González Formoso, Francisco Rodríguez, abriu a porta na campaña a un pacto co PP para apartar Gonzalo Pérez Xácome da Alcaldía de Ourense, as orientacións da dirección galega do partido mudaron nas últimas horas e van noutro sentido.

Así, González Formoso amosouse esta quinta feira esquivo sobre a posición do seu partido en relación co Concello e a Deputación de Ourense. Se ben comezou afirmando, nunha comparecencia pública previa á Executiva do PSdeG, que "os socialistas non teñen nada que negociar con Xácome", preguntado polos medios negouse a concretar se fechaba a porta a formular unha alternativa a Baltar, mantendo o actual rexedor na súa responsabilidade.

As fontes da dirección do PSdeG consultadas por Nós Diario defenden apartar Baltar da Deputación e recoñecen a presión dos alcaldes e edís de toda a circunscrición para propiciar unha mudanza na institución, mesmo a cambio de permitir a continuidade de Xácome na Alcaldía. Ao tempo, aseguran non estar dispostos a repetir os erros de 2019, cando a vontade por facerse co Goberno da cidade e da Deputación, deixou o PSOE sen ningunha das dúas responsabilidades.

O BNG, pola súa parte, vén mantendo desde despois das eleccións un perfil baixo neste debate. Porén, os votos dos nacionalistas son necesarios para calquera alternativa nas dúas institucións.

A gran coalición de Cabezas non suma en Ourense

Nacionalistas e socialistas comezarán nas próximas horas a negociar un acordo do que depende que 69 Alcaldías galegas non conten cun rexedor do PP. Neste contexto, analizarase, tamén, a situación daquelas deputacións galegas onde os populares non obtiveron maioría absoluta. O Concello e a Deputación de Ourense ocuparán un lugar de relevo neste marco negociador.

Os movementos das últimas horas no ámbito ourensán non semellan relevantes para solucionar a ecuación. As declaracións na mañá da quinta feira do candidato do PP ao concello, Manuel Cabezas, reclamando unha gran coalición de socialistas e populares contra Xácome, carecen de percorrido. O voceiro nacionalista na Corporación, Luís Seara, respondeulle acusando o PP de "cinismo", lembrando que "Xácome é alcalde porque o PP así o quixo".

Comentarios