O "caso Baltar" continúa: A muller e a filla do chofer de Baltar foron multadas conducindo un coche oficial da Deputación

Segundo informou a Cadena Ser, saíron á luz outras tres multas por exceso de velocidade dun dos vehículos que ten asignados ao seu servizo Manuel Baltar.
Autovía A-52 ao seu paso por Oroso, na Cañiza, onde foron multadas a muller e a filla do chofer de Baltar. (Foto: Google Maps)
photo_camera Autovía A-52 ao seu paso por Oroso, na Cañiza, onde foron multadas a muller e a filla do chofer de Baltar. (Foto: Google Maps)

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar foi multado, segundo informou este xornal, en até dúas ocasións na mesma viaxe. O 23 de abril na A-52, á altura de Allariz, o presidente do PP ourensán foi detectado por un radar conducindo a 173 quilómetros por hora nun tramo limitado a 120.

Nesa mesma viaxe, foi ‘cazado’ a 215 quilómetros por hora, ademais, nun coche oficial da Deputación.

Nesta ocasión, segundo informou a Cadena Ser, saíron á luz outras tres multas por exceso de velocidade dun dos vehículos que ten asignados ao seu servizo Manuel Baltar.

As multas

A primeira das infraccións tivo lugar en maio de 2019 e identificouse como condutor Raúl Domarco Piñeiro, responsábel do parque móbil de Presidencia da Deputación e chofer de Baltar.

A segunda infracción, segundo indica a Cadena Ser, foi en abril de 2021 e nela detectouse un coche oficial conducindo a 179 km/h. Nesta ocasión a Deputación orensá identificou como condutora a filla do responsábel do parque móbil, Laura Domarco Álvarez.

Finalmente en marzo de 2022, o mesmo vehículo foi identificado a 171 km/h e desta vez conducía a muller do responsábel do parque móbil de Presidencia, María José Álvarez Rodríguez.

O presidente da Deputación de Ourense aínda non deu explicacións acerca desta información.

Comentarios