Ángeles Vázquez asegura que a Sareb non ten dispoñíbel na Galiza ningún dos pisos comprometidos polo Goberno central

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cre que a Lei de Vivenda vai ser "un caos": "O 80% dos galegos poderían ser okupas se así o quixesen"
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Xunta de Galiza)
photo_camera A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Xunta de Galiza)

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, afirmou que a Sareb trasladou á Xunta nunha carta que non ten dispoñíbel ningún dos pisos que se comprometeu a mobilizar o Goberno central na Galiza.

Así o desvelou este domingo nunha entrevista na Radio Galega na que detallou que a Sareb conta na Galiza "cun perímetro dunhas 1.200 vivendas" pero, delas, "479 atópanse en comercialización externa" e "806 teñen algún tipo de saneamento pendente".

"Nin sequera nos están ofrecendo as 43 que nos ofrecían anteriormente. Isto é un despropósito e unha vergoña. Se alguén do Goberno galego fixese iso tería que estar dimitindo", censurou.

Sobre esas 43 que "notificaron que terían a disposición", Vázquez relatou que lles trasladaron que "só cinco teñen licenza de primeira ocupación". Ademais, "tres están ocupadas" e "só una nunha cidade". "O maior número de vivendas que nos ofrecían era en Mugardos e en Silleda, e fíxense que aí non hai tensión para alugar", manifestou.

 

Lei de vivenda

Cuestionada sobre se recorrerán a Lei de Vivenda, Ángeles Vázquez sinalou que esperarán a coñecer o texto definitivo, pero recoñeceu que a Xunta está "moi preocupada". Entre outros motivos, porque considera que "se van a retirar vivendas do mercado" e a clase media "vai acabar defenestrada".

Segundo a conselleira, a norma "non incentiva", senón que "sanciona fiscalmente" e a xente "buscará outros recursos", como o turismo. Ademais, criticou que "tampouco se regula o concepto de vivenda baleira", así como que "se regula a 'inquiokupación'".

"Quen pode estar nesa vivenda? Aqueles que non superen tres veces o Iprem. Estamos a falar de 1.800 euros de salario mensual. O 80% dos galegos poderían ser okupas se así o quixesen. Isto vai ser un caos e hai que freala", insistiu.

 

Lei do litoral

Por outra parte, Ángeles Vázquez pediu "respecto" para os que contribuíron á lei de ordenación e xestión do litoral que prepara o Goberno autonómico. 

A titular de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cre que o Goberno central "non vai ter motivos para recorrela" e que, de telos, "non van ser xurídicos, van ser simplemente ideolóxicos".

"Supoño que o Goberno será un pouco máis serio do que están a ser aquí na Galiza o PSOE e o BNG", sostivo tras reprochar á portavoz nacionalista, Ana Pontón, que diga que a lei "será papel mollado". "É moi triste que o BNG diga iso", reiterou.

Sobre a postura dos socialistas galegos, Vázquez sinalou que espera que "recapaciten". "Se non, que explicación lle van dar aos galegos? Que explicación lle darán aos seus alcaldes cando reiteradamente se lle están recorrendo as licenzas que eles mesmos dan?", cuestionou.

Comentarios