O PPdeG lamenta que o PSdeG apoiara a nova Lei do litoral da Galiza “até que Pedro Sánchez mandou cambiar de opinión”

“A costa galega debe xestionarse desde aquí e non desde un despacho do Paseo da Castellana, en Madrid", di Paula Prado.
Paula Prado comparecendo como secretaria xeral do PP. (Foto: Europa Press)
photo_camera Paula Prado comparecendo como secretaria xeral do PP. (Foto: Europa Press)

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, lamenta que o PSdeG apoiara a nova Lei de ordenación e xestión integrada do litoral da Galiza até que Pedro Sánchez “mandou cambiar de opinión” aos dirixentes galegos.

Prado lembra que esta semana se viu como o secretario xeral dixo que o PSdeG apoiaba a lei e, “dun día para outro”, foi desautorizado polo delegado do Goberno: “O Partido Socialista demostrou, unha vez máis, que cando ten que elixir entre defender a Galiza ou defender a Sánchez, sempre elixe Sánchez”.

A Galiza ten plena competencia para ordenar o seu litoral, como expón o Estatuto de Autonomía, "un dereito que o Goberno central non está a recoñecer ao negar a transferencia dos medios para a xestión da costa" segundo o PP. "Mentres isto non se materializa e ante os ataques do Goberno central aos intereses da Comunidade", a secretaria xeral sinala a necesidade de "contar coa Lei do litoral de Galiza, que foi aprobada recentemente polo Consello da Xunta".

 

“Esa é a contradición constante do PSdeG, que non existe no noso partido e que afecta directamente aos galegos e galegas. E isto só se entende dunha maneira: cando se fala da xestión do litoral no seo do socialismo galego, chega o tsunami Sánchez e arrasa con calquera opinión diferente á súa”, subliña.

O socialismo mesmo chegou a afirmar que a nova norma suporá unha declaración de independencia, unhas declaracións “delirantes”, segundo Prado. “O PP loita para que a Galiza xestione a súa costa, como así avala o Estatuto de Autonomía, e loita porque esta importantísima lei saia adiante”, di.

“A costa galega debe xestionarse desde a Galiza e non desde un despacho do Paseo da Castellana, en Madrid”, conclúe a número dous do PPdeG, quen alerta que “están en xogo centos de postos de traballo e a actividade económica de concellos que representan a metade da poboación da Galiza”.

Comentarios