Alfonso Rueda subscribe o discurso de Núñez Feixoo e abandona a lingua galega

Feixoo quere vetar o galego no Congreso e alude á falacia da "imposición".
O vicepresidente primeiro da Xunta da Galiza, Diego Calvo, e o presidente, Alfonso Rueda, no Consello do Goberno galego esta quinta feira (Foto: Arxina).
photo_camera O vicepresidente primeiro da Xunta da Galiza, Diego Calvo, e o presidente, Alfonso Rueda, no Consello do Goberno galego esta quinta feira (Foto: Arxina).

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, posicionouse esta quinta feira co seu antecesor á fronte do Goberno galego e actual líder do PP español, Alberto Núñez Feixoo, que criticou na cuarta feira que se poida usar o idioma propio da Galiza no Congreso. Rueda, a preguntas da prensa, partillou esta quinta feira o discurso de Feixoo de defensa da "lingua común" [o español] como a única de uso na Cámara Baixa española. Feixoo afirmou esta cuarta feira que non concibía "un Congreso con pinganillos.

Se todos os políticos nos comunicamos na lingua común, non procede que os cidadáns paguen para entendernos no hemiciclo". Discurso sobre o que volveu esta quinta feira quen durante 13 anos foi o máximo mandatario institucional da Galiza, falando de "imposición" do galego, o vasco e o catalán no Congreso. 

Alfonso Rueda non evitou esta quinta feira as preguntas ao respecto por parte da prensa na súa comparecencia após o Consello da Xunta. Defendeu o discurso de Feixoo ("ten todo o dereito a facer esas propostas, el vai ser quen se someta á investidura") e mesmo cualificou como "até lóxico" que o seu antecesor no cargo manteña estes posicionamentos sobre o dereito a utilizar o galego no Congreso. "Non vai haber dificultade ningunha se se usa o idioma común", dixo, o mesmo que Feixoo manifestara 24 horas antes. 
O presidente dun territorio cuxo estatuto recoñece o galego como idioma propio e oficial, mesmo foi máis alá que o ex presidente Feixoo ao apuntar que "se preguntamos na rúa aos galegos", o uso do galego no Congreso "non é prioritario, nin moito menos". 

Apuntou Rueda que no Senado xa se pode usar a lingua galega ("eu fíxeno") para a seguir criticar que se estea a "falar do pinganillo" e non, dixo, das "cesións que se van facer" por parte do Goberno estatal ao independentismo catalán. Cesións entre as que dirixentes do PP español situaban estes días que se poida ter o dereito a falar en galego na Cámara Baixa estatal.

Actualización do calendario de vacinas

O primeiro Consello da Xunta do novo curso político aprobou unha actualización do calendario de vacinas. Rueda anunciou, entre outras medidas, que desde outubro todos os bebés que naceron a partir do 1 de agosto serán vacinados contra o rotavirus, que até agora se administraba só a crianzas prematuras. 

Converter baixos comerciais en vivendas

Tamén aprobou o Goberno galego esta quinta feira o decreto que flexibiliza os requirimentos para converter baixos comerciais en vivendas. A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, sinalou que a patronal cifra nuns 7.000 os baixos que nestes momentos son ofertados en aluguer con "poucos visos de futuro como comercio", dos que 2.000 poderían destinarse a vivendas. Entre os requisitos mínimos que eses baixos deben cumprir está o de ter 40 m2 útiles,  que a distancia entre a parte baixa da xanela e o chan sexa de 1.8 m; ou que a altura mínima a ter polo baixo sexa de 2,5 m.

O Consello da Xunta tamén aprobou esta quinta feira a Lei da calidade alimentaria e o Plan da cultura marítima da Galiza. 

A proposta de taxa turística e o "descoñecemento"

O presidente da Xunta pronunciouse esta quinta feira, a preguntas da prensa, sobre a proposta de taxa turística remitida en agosto desde o Concello de Compostela. Malia recoñecer que o documento remitido "teñen que estudalo os técnicos" da Administración galega, Rueda apresurouse a afirmar que no mesmo "hai un descoñecemento sobre o que se propón, porque isto non afecta só a Compostela, afecta todo o sector turístico".

O presidente manifestou esta opinión no día en que se coñecía que unha multinacional alemá, Limehome, inaugurará na capital galega un estabelecemento que contará con 21 apartamentos turísticos, perto da praza da Galiza. Fundada en 2018, Limehome está presente en Alemaña, Austria, Países Baixos, Bélxica, Hungría ou Portugal entre outros.

Comentarios