Educación

Rueda oponse á gratuidade dos libros de texto porque "hai familias que se poden permitir un maior esforzo"

O presidente da Xunta defende o sistema de axudas á compra no canto da gratuidade total, unha medida do Goberno de PSOE e BNG suprimida polo PP, porque "é moito máis equitativo e garante non deixar desatendido a quen máis o necesita".
Rapazada ás aforas dunha escola. (Foto: Arxina)
photo_camera Rapazada dun colexio de Ames, o pasado curso. (Foto: Arxina)

A Xunta da Galiza incrementará este curso en máis de 12% a contía das axudas para comprar libros de texto, e ampliará por volta de 40% os beneficiarios do vale para material escolar até chegar aos 130.000 alumnos e alumnas. Deste dato gabouse esta sexta feira o presidente galego, un Alfonso Rueda que, pola contra, mantén a súa férrea oposición á gratuidade dos libros escolares, unha medida impulsada polo Goberno de PSOE e BNG e tombada polo PP de Alberto Núñez Feixoo e que agora as anpas pedían recuperar.

Rueda visitou esta sexta a libraría Gallaecia Liber de Santiago de Compostela, acompañado do conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez. O presidente asegurou que a Xunta aposta por un sistema educativo "inclusivo e de calidade no que se garanta a igualdade de oportunidades". "O deber das administracións, e a Xunta leva anos facéndoo, é axudar ás familias a que os gastos do inicio do curso sexan algo menores", incidiu.

Ao seu xuízo, as axudas para a compra dos libros no canto da gratuidade total é unha repartición "xusta" que permite que os cartos "se distribúan en función da renda familiar". "É un sistema de axudas que funciona, tal e como recoñecen os propios libreiros, as familias e os colexios, e é un sistema equitativo. Hai que axudar a quen máis o necesita", insistiu.

Respecto á petición de Anpas Galegas de retomar o préstamo de libros gratuíto, o presidente da Xunta considera que é un sistema que "nin é xusto nin funcionou". "O noso sistema creo que funciona mellor. Hai un recoñecemento xeral, xa se que hai opinións en contra, pero é moito máis equitativo e garante non deixar desatendido a quen máis o necesita. Hai familias que se poden permitir un maior esforzo que outras e iso permite que aquelas que non teñen practicamente capacidade teñan garantido algo tan fundamental como que os seus fillos poidan ter o mesmo material escolar e libros con independencia do diñeiro que teña a súa familia", defendeu.

Alfonso Rueda subliñou que estas medidas permitirán aforrar "máis de 100 millóns de euros" aos fogares galegos con mozos e mozas en idade escolar. Entre as iniciativas en marcha destacan a bonificación dos comedores escolares, a conxelación das taxas universitarias ou as axudas para libros de texto e material escolar. Segundo detallou Rueda, a Administración galega destinará este ano 26 millóns de euros a axudas para libros e material e para o fondo solidario de manuais que hai nos centros educativos.

Por unha parte, a Xunta amplía en case 40% os beneficiarios do vale para material escolar ata chegar aos 130.000 estudantes este curso. Todas as familias con renda per cápita igual ou inferior a 10.000 euros poderán recibir este bono que oscila entre os 60 e 75 euros, algo ao que até o de agora só accedían os fogares con renda inferior a 6.000 euros.

Aumentan tamén as axudas par adquirir libros de texto. O orzamento total pasa de 5,9 millóns de euros a 6,7. En xeral, as familias recibirán entre 160 e 270 euros —en función da renda—, fronte aos 140 e 240 euros do pasado curso. No caso do alumnado de Educación Especial ou cunha discapacidade superior a 65%, esta achega será de até 300 euros.

Ademais, a Xunta manterá o banco gratuíto de libros de texto que teñen os colexios galegos e que permite que alumnos de entre 3º de Educación Primaria e 4º de ESO reciban os manuais que necesitan sen que as familias teñan que asumir ningún custo.

Preguntado por un posíbel incremento das axudas para a compra de libros de texto nos orzamentos de 2024, Rueda indicou que traballan sobre a nova dotación orzamentaria da comunidade, pero non confirmou nada ao respecto. "A ver se temos certezas das cifras que se nos teñen que achegar desde o Goberno central para facer os nosos cálculos. Imos priorizar. Queremos que funcione o máis importante, o máis importante son os servizos públicos e axudar ás persoas que máis o necesitan. Por tanto, se é necesario facer ese esforzo, haberá que facelo. Pero eu prefiro por agora elaborar os orzamentos para saber o que temos e o que podemos ofrecer. Pero desde logo a xente xa ten demostración de que sabemos priorizar", detallou.

Gratuidade fronte aos elevados custos

A gratuidade dos libros de texto e doutros elementos que compoñen o material que precisan as e os escolares para afrontar o novo curso é unha reclamación de Anpas e sindicatos que vén de vello. Para o presidente da Confederación de ANPAS Galegas, Fernando Lacaci, o primeiro problema é que "seguimos sen ter a posibilidade dun ensino gratuíto", lembraba esta mesma semana en conversa con Nós Diario.

As familias galegas xa se decataron de que, outro ano máis, teñen que facer números para cumprir con todas as demandas que implica a "volta ao cole". Desta vez, o gasto suporá de media 392,86 euros por estudante, 0,4% máis que o realizado para o curso 2022-2023.

Comentarios