O PSOE acusa Feixoo de "escurantismo" por non presentar a súa declaración de bens e ingresos no Senado

O líder do PP abandonou a Cámara Alta sen cumprir o requirimento da institución.
O portavoz do PSOE no Congreso, Patxi López (Foto: Nós Diario).
photo_camera O portavoz do PSOE no Congreso, Patxi López (Foto: Nós Diario).

O portavoz do PSOE no Congreso dos Deputados, Patxi López, acusou o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, de "exercicio de escurantismo" por non presentar a súa declaración de bens e ingresos ante o Senado, como lle pediron desde a Cámara Alta, algo que non cumprimentou antes de abandonar o seu posto de senador.

"Feixoo ocultounos a súa relación cun narco falándonos dun contrabandista e agora ocúltanos cales son os seus verdadeiros ingresos, cal é o seu verdadeiro patrimonio. El dixo que cando saíse do Senado ía presentar publicamente a súa declaración de bens de ingresos e non o fixo", afirmou o socialista.

Por iso, considerou que o líder do PP "mentiu nun exercicio de escurantismo que é absolutamente inaceptábel en política". "E agora pretende recoller a súa acta de deputado [no Congreso] e seguimos sen saber que é o que recibe do Partido Popular, cal é ese sobresoldo, se cobra algo máis", engadiu López, para quen a cidadanía "non merece este exercicio permanente de mentiras e de escurantismo".

En calquera caso, o dirixente socialista afirmou que "o único que non pode ocultar [Feixoo] é que todas as decisións que adoptou están a facer moito dano a moita xente, porque todas elas foron pactar con Vox para facer as políticas de Vox".

Neste sentido, lamentou que "alí onde gobernan" ambas as formacións "a loita contra a violencia machista debilitouse porque tentaron mesturala para diluíla con outras violencias". "Chegáronse mesmo a negar minutos de silencio e isto fai moito dano ás vítimas desa violencia", alertou.

López tamén fixo referencia á desaparición de departamentos, consellarías e concellarías "que loitaban contra esas desigualdades". "E aí quen perde e a quen se fai dano é ás mulleres", apostilou.

Ademais, referiuse á intención de ambos os partidos de derrogar as leis trans e as leis LGBT+, e criticou a desaparición das bandeiras arcoiris, o que, ao seu xuízo, "desprotexe" ao colectivo LGBT+ "facendo moito dano a estas persoas".

"Fálase xa de derrogar leis de memoria democrática que estaban a axudar a familias a atopar os restos dos seus seres queridos para podelos honrar como se merecen. E iso fará dano a moita xente que aínda ten moitas feridas abertas", engadiu.

Tamén fixo alusión a "como se nega a loita contra o cambio climático", o que "está a facer dano a todos" e denunciou que onde PP e Vox "chegaron a gobernar subíronse o soldo".

"Por iso os socialistas o que imos facer é pór en marcha un Goberno para, xusto o contrario: loitar contra a violencia machista, loitar contra as desigualdades, loitar en favor dos dereitos e as liberdades da maioría da cidadanía”, afirmou. “E isto é o que imos facer e o que imos conseguir nas próximas semanas", concluíu.

Yolanda Díaz chama á formación de Goberno no Estado

A vicepresidenta segunda do Estado español e ministra de Traballo e Economía Social en funcións, Yolanda Díaz, asegurou que o pasado 23 de xullo "as urnas falaron" e, recalcou, "dixeron que se debe conformar un Goberno progresista".

Así se expresou este domingo a tamén líder de Sumar no Carballiño, onde acudiu xunto á recentemente nomeada portavoz no Congreso da coalición, Marta Lois.

"En setembro arrinca o curso escolar, o curso da vida da xente, con dificultades, con problemas. Unha cidadanía que non ten que ver co tempo político. Por iso fago un chamado a todas as formacións políticas para que sexan capaces de chegar aos acordos necesarios para facilitar un Goberno", defendeu Díaz.

A este respecto, sinalou que "as urnas falaron" o pasado 23 de xullo e "o que dixeron é que temos que conformar un goberno progresista". "Dixeron que temos que seguir avanzando, gañando dereitos. Ninguén entendería que estas eleccións fosen un retroceso, unha interrupción", asegurou.

Negociacións para a mesa do Congreso

Yolanda Díaz e Marta Lois evitaron confirmar se desde Sumar se negocia co ex presidente da Generalitat de Catalunya, Carles Puigdemont, en favor dunha hipotética investidura do líder do PSOE, Pedro Sánchez, limitándose a confirmar que "desde o minuto un despois das eleccións hai persoas que traballan para ter un Goberno progresista no Estado español".

En canto ás negociacións para presidir a Mesa do Congreso, as líderes de Sumar non avanzaron nada concreto, mais afirmaron que “o que ten sentido é que o órgano de máxima importancia sexa acorde ao que votou a cidadanía. Traballamos para ter unha mesa progresista", defenden.

Nesta liña, Lois deslizou que "ás veces hai momentos en que as forzas políticas insinúan que hai acordos, pero os acordos de verdade exporanse publicamente cando corresponda". Agora, incidiu, lévanse a cabo reunións "moi importantes" e "baixo discreción".

Comentarios