Rueda, a favor de facer coincidir as eleccións galegas coas vascas

O 9 de xuño de 2024 cadrarían comicios galegos, vascos e europeos
Román Rodríguez, Alfonso Rueda e Luís López, esta cuarta feira en Poio (comarca de Pontevedra). (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Román Rodríguez, Alfonso Rueda e Luís López, esta cuarta feira en Poio (comarca de Pontevedra). (Foto: Xunta da Galiza)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, considera que "estaría ben" que as eleccións vascas e galegas poidan coincidir no mesmo día, como ocorreu durante as últimas convocatorias, aínda que puntualizou que "cada un ten as súas circunstancias".

"Teremos que tomar decisións en función do que máis conveña a cada territorio", sinalou o xefe do Executivo galego en declaracións aos medios esta cuarta feira, 30 de agosto, en Poio (comarca de Pontevedra).

Alí descartou a existencia de "novidades" na Galiza ao ser preguntado sobre unha posíbel convocatoria electoral en Euskadi para o 9 de xuño de 2024, o mesmo día que as eleccións europeas. 

Para Afonso Rueda, as declaracións do lehendakari, Iñigo Urkullu, "non poden, loxicamente, condicionar ningunha decisión que afecte a algo tan importante como é a data electoral na Galiza". O presidente da Xunta sinalou que se pensase unicamente nunha "perspectiva puramente electoral" xa convocaría eleccións para o pasado 23 de xullo, coincidindo coas estatais. 

Rueda recordou que cando o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou o adianto dos comicios estatais, el manifestou que o PP tería un "moi bo resultado" na Galiza. "Non tomarei a decisión de convocar eleccións pensando noutra cousa que non sexa os intereses da Galiza", remarcou, antes de incidir en que "nunca" será enfocado no "interese electoral do PP"

"Estabilidade e certezas"

Para Rueda, Galiza precisa nestes momentos "estabilidade" e "certezas" e que se siga gobernando "con firmeza, normalidade e resolvendo problemas", fronte a "toda esta parálise" derivada  dos resultados das últimas eleccións no Estado español.

Precisamente, a oposición (BNG e PSdeG) criticou nas últimas semanas que Rueda ten o Goberno galego "sumido nunha parálise absoluta".

 

Comentarios