Taxa turística, vivenda e capitalidade, no prego de demandas da alcaldesa de Santiago ao presidente da Xunta

Sanmartín confirma que o Concello de Santiago acudirá á reunión co presidente da Xunta de Galiza coa proposta de lei da taxa turística.
As cafetarías compostelás rexistran o cheo absoluto por mor do turismo. (Foto: Arxina)
photo_camera As cafetarías compostelás rexistran o cheo absoluto por mor do turismo. (Foto: Arxina)

A creación dunha taxa turística, a construción de vivendas de promoción pública e a promoción de vivendas baleiras e unha "actualización" do que Santiago de Compostela percibe como capital son algúns dos temas que a alcaldesa, Goretti Sanmartín, achegará ao seu encontro o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

En declaracións remitidas aos medios, a rexedora expón as principais cuestións que conformarán a súa "lista de reivindicacións".

Neste sentido, confirma que o Concello de Santiago acudirá á reunión co presidente da Xunta de Galiza coa proposta de lei da taxa turística.

“Realmente enmarcado no plan de turismo consciente, o que presentamos foi a proposta de lei do imposto sobre estancias turísticas dos estabelecementos da Galiza, para contribuír precisamente a sufragar o custo dos servizos públicos como a limpeza, os residuos, a recuperación de zonas verdes. do patrimonio... para acadar tamén unha nova orientación do turismo sostible que permita achegar máis visitantes de forma estacional e máis tempo de pernoctación e xerar máis recursos económicos de forma respectuosa coa veciñanza”, explicou.

 

Vivendas públicas 

En segundo lugar, referiuse á política de construción de vivendas públicas e ao plan de revitalización de vivendas baleiras. Neste apartado, reclamará a definición de vivenda baleira por parte da Xunta "necesaria para que os concellos poidan facer plans de dinamización efectivos".

En terceiro lugar, Sanmartín porá "enriba da mesa" o incremento da cantidade asignada pola capitalidade. "Hai anos estimábase en 5,5 millóns e entendemos que é necesaria unha actualización; non ten sentido que sigamos con esta débeda histórica porque Santiago de Compostela recibe na actualidade algo máis de 2,3 millóns", subliñou.

Tamén porá sobre a mesa o incremento da contía para o consorcio municipal, "o mesmo" que co Goberno central. "Entendemos que é unha ferramenta fundamental para fixar poboación e para iso é necesario dotala de cantidades similares ás que tiña hai anos e non facer que siga perdendo pulo como panca de promoción", subliñou a primeira edil.

Outro tema "fundamental", engadiu, será o aparcamento do complexo hospitalario universitario da cidade e neste sentido "é necesario que a Xunta invista o mesmo que fixo noutras cidades e que esta ampliación do Clínico vaia acompañada do aparcamento necesario para unha boa mobilidade e reordenación do tráfico en toda a zona”.

Por outra parte, apuntou ás propostas “de novo edificio para a escola oficial de idiomas”. "Existen eses edificios que a universidade vai deixar de utilizar en pouco tempo", mencionou, en relación a Ciencias da Educación e a Enfermaría, que ao seu xuízo "serían espazos magníficos".

Ademais, solicitará a ampliación do conservatorio de música e "que se mova algo para construír o conservatorio profesional de danza", que "ten unha gran demanda e non chegou a bo porto en ningunha iniciativa por parte da Xunta".

Reclamará ao centro de saúde de Conxo e "un compromiso co rural compostelán", que "ten que traducirse en investimentos económicos e axudas para que os concellos poidan prestar servizos ao rural".

Por último, outra petición ten que ver co centro de día de Fontiñas.

 

Comentarios