Rueda preséntase como "un fillo da Galiza" libre de "hipotecas"

Rueda sinalou durante a toma de posesión do seu cargo como novo presidente da Xunta que loitará para "preservar" a autonomía das "tendencias de ruptura" e manter a "estabilidade" cun goberno asentado na "moderación".
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante o acto de toma de posesión en presencia da vicepresidenta e ministra de Traballo Yolanda Díaz (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante o acto de toma de posesión en presencia da vicepresidenta e ministra de Traballo Yolanda Díaz (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tomou posesión do seu cargo este sábado nun acto no que se definiu como "un fillo da Galiza" que sucede a Alberto Núñez Feixoo cunha determinación, a de "preservar" a autonomía das "tendencias de ruptura" e manter a "estabilidade" cun goberno asentado na "moderación".

"Coñezo, quero e creo nunha Galiza unida, desde a rúa Príncipe de Vigo até a  praia das Catedrais, desde as terras da Limia até o bastión pesqueiro do Barbanza, desde a praza do Obradoiro até o Centro Galego de Bos Aires", proclamou, nun acto con medio milleiro de invitados, entre autoridades e representantes da sociedade civil.

"Creo nunha comunidade que se manteña a salvo da miopía do localismo e a fragmentación, que co ariete de supostos agravios carga contra a casa común que tanto nos custou construír", engadiu, antes de pasarse ao castelán ─algo que tamén adoitaba facer o seu antecesor─ para garantir que a Galiza "vai contribuír con lealdade ao fortalecemento de España e do proxecto común europeo".

Rueda arrincou o seu discurso citando ao pontevedrés Valentín Paz-Andrade, que se refería a Galiza "como tarefa" e identificouse como "un galego que ve nos seus compatriotas o mellor exemplo".

"Son un fillo da Galiza ao que a Galiza encomenda que manteña a súa unidade, o seu progreso e o seu benestar. Tentarei ser digno deste pobo, que demostra todos os días que é capaz de realizar os seus soños. Faino grazas ao seu esforzo propio, dentro dunha España constituída en monarquía parlamentaria e no seo dunha Galiza autónoma e libre", aseverou.

Animado por un "galeguismo conciliador e  inconformista", citou aos seus antecesores no cargo, para subliñar que se dispón a "continuar o camiño" e iniciar unha etapa máis.

Tamén se dirixiu aos galegos, "libre de hipotecas", pero "cargado de débedas de gratitude": coa súa familia, co seu partido (o PPdeG) e coa cidadanía, coa que aspira a seguir "avanzando xuntos" pola senda do progreso "tranquilo" e a "normalidade excepcional" que ve "bandeira" da Galiza.

Comentarios