Raxoi, Ayuso e Mañueco, entre as persoas convidadas á toma de posesión de Rueda

A vicepresidenta Yolanda Díaz e os presidentes de Madrid, Castela e León e Murcia, entre as autoridades que asistirán ao acto de toma de posesión de Alfonso Rueda como presidente da Xunta da Galiza.
Ayuso e Raxoi, no acto de investidura de Mañueco o pasado 19 de abril (Foto:  Photogenic/Claudia Alba / Europa Press)
photo_camera Ayuso e Raxoi, no acto de investidura de Mañueco o pasado 19 de abril (Foto: Photogenic/Claudia Alba / Europa Press)

O Parlamento galego será escenario hoxe da toma de posesión como presidente da Xunta de Alfonso Rueda, en substitución de Alberto Núñez Feixoo, despois de que este presentase a súa renuncia após facerse coas rendas do PP estatal.

Rueda tomará posesión do seu cargo nun acto que arrincará ás 12 horas no Parlamento e que contará con perto de medio milleiro de convidados.

Entre eles están o líder do PP e presidente saínte da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e a vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, ademais de numerosas personalidades políticas e civís.

Debido ao elevado volume de asistentes, fontes parlamentarias confirmaron que, ademais do Salón dos Reis, habilitáronse outros espazos do Pazo do Hórreo para acomodar as persoas invitadas, como a sala de exposicións ou os corredores próximos, desde onde se poderá seguir o acto a través de pantallas de televisión.

Xunto outras autoridades políticas, como a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o líder do PSdeG, Valentín González Formoso, estarán tamén a vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados e  ex ministra, Ana Pastor; o alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo; o ex presidente da Xunta Fernando González Laxe, e o delegado do Goberno, José Miñóns.

Tamén acudirán o  ex presidente do Goberno español, Mariano Raxoi e cargos populares noutras comunidades como os presidentes de Castela e León, Alfonso Fernández  Mañueco; Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e o de Murcia, Fernando López Miras.

Véspera en familia

Antes de asumir o cargo como sexto presidente da historia da Autonomía ─primeiro que accede ao cargo tras a renuncia do seu antecesor─, Rueda tivo esta sexta feira un plan familiar, segundo fontes da súa contorna.

En concreto, participou no acto de gradación do instituto da súa filla menor. Este sábado, a súa familia arrouparalle no acto do Parlamento da Galiza.

Comentarios