Investidura de Rueda

As cinco tarefas que Rueda ten como novo presidente

Alfonso Rueda tomará posesión oficialmente este sábado como novo presidente da Xunta da Galiza. Pasa así a presidir un país que mudou ao longo destes 13 anos de Gobernos do PP —e co propio Rueda asumindo neles responsabilidades de gran calado—. O novo xefe do Executivo terá que facer fronte a cinco tarefas que precisan solucións e que, como vicepresidente desde 2012, coñece.
Comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda. (Foto: David Cabezón)
photo_camera Comparecencia de Alfonso Rueda nunha imaxe de arquivo. (Foto: David Cabezón)

No seu discurso no pleno de investidura Afonso Rueda defendeu que a Galiza actual era diferente á de 2009, cando o PP de Alberto Núñez Feixoo chegou á Xunta. "A de agora é moito mellor", aseverou. Rueda toma as rendas do Goberno galego, Executivo do que é vicepresidente desde 2021. Por diante, varios deberes a afrontar no que resta de lexislatura e que Rueda coñece ben: derivan en boa medida das políticas aplicadas nestes anos. 

1. Economía e traballo, sempre relegadas. A Consellaría de Emprego é unha das máis descoñecidas pola sociedade galega, sinal do seu perfil baixo nuns anos nos que se encadearon crises e destrución de postos de traballo. Un dato: a Xunta deixou sen investir 150 millóns en emprego dos orzamentos de 2022. A última Enquisa de Poboación Activa (EPA) rexistra un ritmo de avance do paro de 4,4%, o dobre da media estatal. Ao tempo, na débeda pública, dous de cada tres euros xeráronse cos Gobernos do PP e os recortes en I+D+i fan que a Galiza estea entre 25% dos territorios menos innovadores de Europa. Rueda deberá asumir que a Xunta ten tamén competencias e responsabilidades no deseño do emprego e na economía. 

2. A sanidade, en Urxencias. Usuarias e profesionais denuncian o empeoramento da situación sanitaria, con mil profesionais menos que en 2009. Acabar co colapso na Atención Primaria, frear o grao de privatización —a Galiza é a quinta autonomía que máis privatizou a sanidade— ou dotar de medios e persoal o sistema serían algunhas das actuacións urxentes, pero contrarias ao que se aplicou nestes 13 anos.

3. Ensino, revirar o seu desmantelamento. Rueda atopa como presidente 1.400 docentes menos que en 2009, 10% dos centros públicos fechados, incremento do apoio económico á concertada e privada... Os deberes a realizar pasarían, como pide a comunidade escolar, por un cambio "radical" de políticas, con máis medios e recursos.

4. Dotar do 'social' a Política Social. A Galiza ten un déficit de 14.000 prazas en residencias de maiores, nestes 13 anos non se construíu ningunha residencia pública e perto de 600 persoas faleceron en 2021 nas listas de agarda da dependencia. As tarefas de Rueda neste sentido non son poucas, principiando por traballar por un modelo público de benestar.

5. Cultura e lingua non son estranxeiras. Asume a presidencia a mesma persoa que en 2009 participou nunha manifestación contra "a imposición do galego". Pouca marxe de confianza permite para quen debería liderar a implementación de políticas contra a sangría de falantes e de pulo á cultura e á industria cultural.

Comentarios