Investidura de Rueda

Alfonso Rueda: "Os galegos merecen algo máis que escoitar políticos enrocados no 'non'"

Durante o debate o portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, sufriu unha indisposición e tivo que ser trasladado ao hospital, polo que será substituído por Miguel Tellado.
Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feixoo, esta quinta feira, no Parlamento. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feixoo, esta quinta feira, no Parlamento. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O dirixente pontevedrés Alfonso Rueda, proposto polo Grupo Parlamentario Popular para suceder Alberto Núñez Feixoo como presidente da Xunta da Galiza, lamentou esta quinta feira a actitude da oposición —BNG e PSdeG—, á que ve "instalada no non", e ironizou co discurso pronunciado pola líder nacionalista, Ana Pontón, en chave 'presidencial': "O candidato son eu".

"A primeira sensación que teño é que lles sobraba a sesión de investidura, dixese o que dixese, ían dicir que non", arrincou Rueda a súa primeira réplica na segunda xornada do debate de investidura, que fechará cunha votación que, salvo sorpresa, deixarao investido como o sexto presidente da Galiza co apoio dos 42 deputados do PPdeG, entre os que se inclúe.

Malia que a oferta de pacto dirixiuna con máis intensidade ao PSdeG —que en días pasados tendera a man ao PP para alcanzar acordos que beneficien o país en áreas como sanidade, política social ou economía—, Rueda asegurou que "non" renuncia a "tentar convencer" a socialistas e nacionalistas, e a través deles, aos cidadáns aos que representan.

"Esa é a miña misión e vou tentar facelo", dixo, aínda que non se mostrou moi optimista, convencido de que non terá "moito éxito" con independencia do que diga ou das decisións que tome.

A respecto diso, asegurou que os galegos esperan dos e das súas representantes propostas construtivas e proclamou que calquera "proxecto de país", como o que el quere impulsar, precisa do "empurrón" de todas as forzas políticas. "A Galiza merece algo máis que escoitar políticos enrocados no non. Tanto eu, como o meu Goberno e o meu grupo, á Galiza imos dicir que si", proclamou.

Unha investidura "dos mundos de Iupi"

Na súa intervención afeou as "cifras equivocadas" que atribuíu á oposición e advertiu que, aínda que está disposto a dialogar co PSdeG, espera que sexa "máis fiel ao cumprimento dos seus compromisos" que o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, mais tamén cargou con especial intensidade contra o BNG.

Así, Rueda ironizou con que a súa líder, Ana Pontón, "marcouse unha investidura dos mundos de Iupi". Aliás, subliñou os resultados electorais do BNG nos últimos comicios e a dilatada traxectoria da nacionalista no Parlamento. "Cando lle daba o biberón á miña filla xa era deputada, e está na universidade", exemplificou.

O popular dixo estar "disposto" a "chegar a pactos e escoitar con atención" aos seus rivais, incidiu no "triunfalismo" do Bloque e pediu "un pouco de humildade e de respecto" polos populares, que "lograron unha ampla maioría absoluta nos últimos comicios". Tamén ironizou coa "guerra" que manteñen entre si os representantes da oposición "para ver quen é o gañador dos perdedores".

Pedro Puy, trasladado ao hospital

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, sufriu unha indisposición durante o debate de investidura que obrigou a trasladalo ao hospital. Deste modo, segundo confirmaron fontes populares, será substituído no pleno, na segunda quenda que lle corresponde aos grupos, polo dirixente popular Miguel Tellado.

Puy foi asistido por persoal sanitario no propio Pazo do Hórreo pasadas as 13,00 horas e foi trasladado en ambulancia sobre as 13,45 horas deste xoves.

Comentarios