Investidura de Rueda

Rueda, elixido sexto presidente da Xunta, promete "continuidade da boa"

Alfonso Rueda foi investido onte no Parlamento presidente da Xunta da Galiza, o sexto da etapa autonómica, após ser elixido co si de 41 deputados do PP e 33 en contra da oposición. "Quero gobernar para toda a Galiza", dixo o novo titular da Presidencia, que tomará posesión oficial do cargo mañá sábado. Ana Pontón presentou os eixos do programa do BNG para o Goberno "do cambio que vén" e Luís Álvarez (PSdeG) ofreceu diálogo ao novo presidente. 

rueda presidente foto @alfosnorueda
photo_camera (Foto: @AlfonsoRuedaGal)

A elección de Alfonso Rueda non disipa a sensación de que máis que ante o inicio dunha nova etapa política na Galiza cun novo presidente á fronte estase ante o tramo final de lexislatura cun simple cambio de titular na Xunta. Unha sensación que as propias intervencións de Rueda nas dúas xornadas da sesión de investidura encargáronse de alimentar, a teor da valoración feita pola oposición. "Esgotado", "pasado", "gris", "baleiro"... Os cualificativos do BNG e PSdeG sobre o discurso do candidato —agora xa elixido presidente— non eran precisamente de entusiasmo. Ambas as dúas formacións expuxeron onte antes da votación as súas respectivas propostas alternativas de Goberno, ás que o portavoz do PP, Pedro Puy —que tivo que se ausentar do Pleno por un infarto— situou como "antagónicas", intentando poñelas como exemplo de que nacionalistas e socialistas non serían quen de se entender. Non hai alternativa posíbel ao PP, veu dicindo, nunha mensaxe que o PP repite desde hai tempo procurando que calle.

Un cambio que xa está "en marcha"

A líder da oposición, Ana Pontón, subiu á palestra para confrontar esa mensaxe e situar o día de onte no marco dun proceso de "cambio galego" que xa está en marcha. Defendeu que "é posíbel" unha Galiza "mellor" que a que deixan estes 13 anos de Gobernos de Feixoo e que vai continuar Alfonso Rueda.

"Neste debate estamos ante dous modelos", afirmou Pontón, o do PP e o do BNG —"o vello ou o novo; o pasado ou o futuro"— e o nacionalismo "está preparado para gobernar". Debullou os 10 "obxectivos estratéxicos" que conforman o proxecto do BNG para gobernar a Galiza, do reforzo dos servizos públicos, ao impulso económico e laboral, do pulo ao autogoberno á relación con Portugal... "Comezou a conta atrás para un cambio de goberno que o BNG quer liderar", concluíu a portavoz. A súa intervención foi seguida con comentarios de desaprobación entre as bancadas do PP, polo que o presidente da Cámara, Miguel Santalices, tivo que pedir silencio. Pontón foi, ademais, albo das críticas máis duras de Alfonso Rueda no debate, no que mesmo a acusou de estar nunha "investidura dos mundos de yupi". 

A nacionalista reiterou que "hai outra maneira de entender o país" diferente á do PP e que pasa pola confianza nas capacidades dos galegos e galegas. Rueda, na súa quenda de resposta, apelou ao "todos somos España" e a pedir "lealdade" ao rei Felipe VI fronte a propostas "rupturistas".

Man tendida

Luís Álvarez (PSdeG) tendeu a man a Alfonso Rueda "para resolver os problemas da sociedade galega". O portavoz parlamentar da formación socialista era consciente de que tiña que buscar un discurso propio para evitar pasar desapercibido entre o candidato a presidente a líder da oposición. 

Crítico coa xestión do PP na súa primeira intervención, na segunda quenda trasladou a Rueda "unha oferta de diálogo do PSdeG". Cal e area. Advertiu a Rueda que malia "a inoperancia" do PP ao longo destes anos a Galiza "funcionaba" e que os galegos, "tan pronto se convoquen eleccións", darían "carpetazo" ao Partido Popular.

Máis do mesmo

O PP, pola súa parte, como non podía ser doutra maneira, mostrou o seu apoio á candidatura de Rueda e o programa de Goberno que este presentou a pasada terza feira. Pedro Puy acusou o BNG e o PSdeG de "distorsionar o debate" ao asistir á sesión de investidura para presentar os seus respectivos programas de Goberno alternativos. "Como eses familiares lonxanos que aparecen na voda para roubarlle o protagonismo aos que casan", comparou.

Alfonso Rueda, minutos antes da votación, reiterou unha mensaxe que xa deixou clara nestas semanas, a de que "a nova etapa non estará marcada pola ruptura. Será continuidade da boa". 

Por se ficaba algunha dúbida, volveu proclamar o seu "orgullo" polo feito nestes 13 anos da man de Alberto Núñez Feixoo. Ratificada a elección parlamentar de Alfonso Rueda, Ana Pontón, e Luís Álvarez saudaron o novo presidente. Agora, o presidente da Cámara enviará unha comunicación telemática oficial da súa elección ao rei Felipe VI. E mañá, sábado, toma de posesión.

Pedro Puy sufriu un infarto durante a sesión de investidura

O portavoz parlamentar do PP, Pedro Puy, sufriu unha síndrome coronaria aguda no debate de investidura e foi trasladado ao Hospital Clínico Universitario de Santiago, onde foi sometido a unha anxioplastia (introdución dun catéter até a arteria obstruída do corazón). Está ingresado na UCI, xa estabilizado, onde permanecerá uns días. Foi este o momento máis crítico da xornada e todos os participantes no debate desexaron unha pronta recuperación ao popular. No transcurso da sesión tamén houbo tempo para citar letras de cancións como a Coti e o seu "Hai días eternos que amencen esgotados" (Luís Álvarez); ou aquela de "Non é amor é obsesión" (Ana Pontón). A portavoz do BNG mesmo se preguntou que pode ser iso do 'estilo Rueda' e deu tres alternativas do que significa: "Ante un problema invéntate un dato; ante un problema, compárate cos que están peor e, se estas dúas non funcionan, ante un problema, bótalle a culpa ao Bloque". Álvarez asegurou que podía resumir o discurso de Rueda en tres palabras ("Vaia por deus!") e Pedro Puy (PP) mesmo ironizou cunha investidura na que malia haber só un candidato, a oposición parecía presentarse como tal.

Máis en POLÍTICA
Comentarios