Alfonso Rueda volve defender o rei emérito: "Non ten causas xudiciais pendentes"

A curta estadía de Juan Carlos I na Galiza desatou as críticas do BNG, que a cualificou de "bochorno democrático", e do propio Goberno estatal, que afirma que o monarca "perdeu a oportunidade de pedir desculpas".
Alfonso Rueda, este domingo, no conclave do PP galego. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda, este domingo, no conclave do PP galego. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, rexeitou esta segunda feira opinar sobre se Juan Carlos I debe ou non dar explicacións sobre as súas actuacións no pasado e as causas que o levaron ante a Xustiza, e limitouse a sinalar que iso é unha cuestión que debe decidir o propio rei emérito.

Nestes termos falou Rueda á súa chegada á reunión do Comité Executivo Nacional do PP, a primeira á que asiste como mandatario galego após suceder o novo líder popular, Alberto Núñez Feixoo.

Rueda insistiu en que a presenza de Juan Carlos de Borbón na Galiza foi "unha boa noticia" desde o punto de vista promocional do país pero, ao ser preguntado sobre se debe dar "explicacións", indicou que "non corresponde ao PP dicilo".

"Non vou valorar se ten que dalas. Non o sei, iso é unha cousa que terá que decidir el", comentou, se ben a continuación recalcou que "non ten causas xudiciais pendentes" que lle impidan regresar ao Estado español e moverse con liberdade.

Críticas do BNG e do propio Goberno estatal

Pola súa parte, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou o pasado sábado o "bochorno democrático" que supuxo a visita do rei emérito a Sanxenxo e insistiu en que as institucións non están "para branquear", ao tempo que incidiu na necesidade de abrir unha comisión de investigación no Congreso para aclarar os "casos de corrupción" que rodean a Casa Real.

Mais as críticas chegaron tamén desde o propio Goberno estatal. Esta segunda feira, a súa portavoz, Isabel Rodríguez, dixo que o emérito "perdeu a oportunidade de dar a resposta que esperan os españois e merece a democracia".

Pola súa parte, o portavoz parlamentario de Unidas Podemos, Pablo Echenique, asegurou que Juan Carlos de Borbón "comprobou que pode roubar con total impunidade e aínda ten unha corte de vasalos que o aplaude".

Comentarios