O rei emérito amurállase en Sanxenxo

Juan Carlos I refúxiase entre amigos e leais que se citaron nesta vila.
Juan Carlos I de Borbón, en Sanxenxo, en 2019 (Foto: Europa Press)
photo_camera Juan Carlos I de Borbón, en Sanxenxo, en 2019 (Foto: Europa Press)

Sanxenxo é a localidade elixida polo rei emérito para volver ao Estado após case dous anos en Abu Dabi (Emiratos Árabes Unidos), para onde marchou —tamén desde Sanxenxo— en plena treboada  de escándalos financeiras na casa real. A poucos lles sorprende que Juan Carlos I  elixise esta localidade do Salnés para o retorno; aí ten dúas cousas que lle levantan o ánimo : a vela e o seu estreito círculo de adiñeirados amigos-admiradores.

O Borbón aterrou contra as 19.20 horas desta quinta feira en Vigo e, canda a súa filla infanta Elena, dirixiuse a Sanxenxo, onde permanecerá até o domingo, que viaxará a Madrid. Esta sexta feira ten unha recepción a modo de gran benvida no Club Náutico, preparada polo seu gran amigo Pedro Campos, un dos seus máis firmes apoios nos momentos máis duros para o rei emérito español. Non é o único. En Sanxenxo Juan Carlos I poderá volver reunirse co seu círculo habitual nas súas estancias na vila de anos anteriores, como Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca, o armador José  Cusí —íntimo desde que se coñeceran nunha cacería con Franco en 1972— ou o banqueiro Francisco Botas; entre outros. 

Mais non todos en Sanxenxo fan soar as campás pola presenza do rei emérito. Ana Alonso, veciña de Vilalonga, afirma a Nós Diario que lle dá "até un pouco de vergoña que este señor, coas que fixo, se pasee por aquí pouco menos que como se houbese que aplaudilo, vamos". A portavoz do BNG en Sanxenxo, Sandra Fernández, dixo a Diario de Arousa que á maioría da veciñanza "nin lles vai nin lles vén" a presenza de Juan Carlos I, e que a estadía do rei emérito "a quen fai feliz é a Telmo Martín", o alcalde do PP.

Precisamente o que vai ser presidente do PP galego en cuestión de días e que tamén é presidente da Xunta, Alfonso Rueda, é unha das voces que máis defende a presenza do Borbón en Sanxenxo. "É unha boa noticia" desde o punto de vista da "promoción" turística e "ten todo o dereito" a estar na Galiza, reiterou esta quinta feira. "Creo que moita xente pensa o mesmo", indicou.

"Non lles vai parecer ben"

De feito, Rueda manifestou a súa convicción de que, a quen "non estea de acordo" coa "monarquía", a "transición" e o "consenso", "calquera cousa" que fagan os membros da casa real española "non lles vai parecer ben".

Case ao mesmo tempo que o presidente facía estas declaracións, desde o BNG anunciaban que se ía rexistrar unha pregunta no Congreso para saber o "custo" das "vacacións" do "Borbón fuxido" en Sanxenxo. "É tremendo que despois de burlarse de toda a cidadanía do Estado Español aínda lle teñamos que pagar as vacacións", incidiu o deputado nacionalista na Cámara española, Néstor Rego.

A visita do emérito e a súa estancia estes días nunha vivenda perto da praia de Nanín mobilizará un dispositivo de seguridade cunha frota de vehículos, unha vintena de gardacostas e varios drons. Como apunta Ana, a veciña de Vilalonga, "xa podían repartir os cartos entre os parados, que en Abu Dabi non sei se hai, pero aquí uns cantos".

Comentarios