O alcalde de Sanxenxo e Rueda, "encantados" de recibir o emérito

Pontón exixe que o ex xefe do Estado "renda contas" e Formoso di que non vai "aplaudir" a súa volta á Galiza.
O alcalde de Sanxenxo,Telmo Martín, e o rei emérito en 2019. (Foto: María Muíña / Sailingshots.es)
photo_camera O alcalde de Sanxenxo,Telmo Martín, e o rei emérito en 2019. (Foto: María Muíña / Sailingshots.es)

A anunciada visita do rei emérito español, Juan Carlos de Borbón, á Galiza é motivo de múltiples reaccións por parte das forzas políticas galegas. Esta fin de semana, o ex xefe do Estado español visitará a vila de Sanxenxo. Un anuncio do que deu conta onte o alcalde da localidade, o popular Telmo Martín: "O rei Juan Carlos estará esta fin de semana aquí en Sanxenxo para gozar da regata, non sei se vendo ou participando.

Estará connosco e estaremos encantados de poder demostrarlle o agarimo que lle temos, despois de case dous anos de ausencia", manifestou o rexedor popular.

Na mesma liña que o alcalde, o actual presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, indicou que lle parece unha "magnífica noticia" que o rei emérito vaia visitar Sanxenxo. Tamén asegurou que as súas anteriores visitas á localidade do Salnés tiveron un "impacto positivo" por causa do "agarimo da xente e o beneficio que supón non só para Sanxenxo, senón para a Galiza desde o punto de vista do turismo, da afluencia e de pórnos no mapa".

Os 'privilexios' do emérito 

O BNG defende un outro parecer. A súa portavoz nacional Ana Pontón, amosouse onte "convencida" de que o Borbón "aínda mantén privilexios que rompen co principio básico de que todos os cidadáns somos iguais ante a lei", polo que, aseverou que "o emérito non será recibido cos brazos abertos por parte da Galiza". Aproveitou para reclamar que o ex xefe do Estado "renda contas pola corrupción que o rodea e que aínda non aclarou".

Preguntado polos medios de comunicación, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, afirmou que a do emérito a Sanxenxo "é unha visita privada que non vou valorar, que vou respectar, mais que tampouco vou aplaudir".

O Goberno estatal desvincúlase

Por outra parte, o Goberno español desvincúlase do retorno de Juan Carlos I, que após Sanxenxo visitará Madrid. Unha viaxe que a portavoz do Executivo estatal cualificou de "privada". Na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, optou por non ofrecer detalle ningún sobre as xestións do dispositivo do regreso do emérito. Na mesma liña, fontes gobernamentais afirmaron onte que o dispositivo de seguridade compete á Casa Real.

Ademais, a portavoz do Executivo puxo de manifesto que a volta do emérito "atinxe" á Zarzuela e insistiu en que se trata dunha "decisión persoal".

Comentarios