Alexandra Fernández pronúnciase sobre Sumar: "En Madrid pode parecer algo novo, na Galiza sabemos o que hai"

Fernández estivo no Grupo Confederal xunto con Yolanda Díaz no Congreso, pero protagonizou diversas discrepancias cos seus compañeiros como votar 'non' ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2019 mentres o resto o fixo favorabelmente, contra o criterio da dirección de En Marea.
A depuatada do BNG no Parlamento galego, Alexandra Fernández (Foto: Europa Press).
photo_camera A depuatada do BNG no Parlamento galego, Alexandra Fernández (Foto: Europa Press).

A deputada no Parlamento galego polo BNG Alexandra Fernández, que entre 2015 e 2019 foi deputada no Congreso por En Marea xunto coa actual vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, restrinxiu a Madrid a influencia política que poida ter o lanzamento da plataforma Sumar para as próximas eleccións xerais.

"O proxecto que se lanza pode parecer novo na M-30 ou na zona de Madrid periferia, pero na Galiza xa sabemos o que hai", respondeu Fernández, ao ser preguntada esta segunda feira respecto diso nunha rolda de prensa ofrecida desde o Parlamento galego.

A deputada nacionalista lembrou que ten a súa "experiencia propia e opinión propia", que "é ben coñecida", tras formar parte do proxecto de En Marea, plataforma que no seu momento aglutinou formacións como Podemos, Esquerda Unida e Anova, entre outras.

Fernández estivo no Grupo Confederal xunto con Yolanda Díaz, pero protagonizou diversas discrepancias cos seus compañeiros como votar 'non' ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2019 mentres o resto o fixo favorabelmente, contra o criterio da dirección de En Marea. En 2019, anunciou a súa retirada da primeira liña política e chegou a mostrar publicamente o seu apoio ao BNG días antes das xerais de novembro.

Agora, tras a súa fichaxe en 2020 polo Bloque para acudir nas listas ao Parlamento galego, rexeitou a novidade do proxecto de Díaz e engadiu: "Espero que a esquerda en Madrid faga o seu traballo".

"Desde logo, desde o BNG estamos a facer o noso traballo aquí na Galiza por ter un proxecto sólido, unha alternativa de goberno sólida. Estamos a ir no bo camiño", resolveu Fernández.

Desexos para Besteiro

Fernández tamén desexou ao novo delegado do Goberno español na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, "os maiores acertos" na súa nova responsabilidade, dada a "longa lista de asuntos pendentes" que hai coa Comunidade.

Fernández dixo esperar que, con esta nova responsabilidade, "se poña ao lado dos galegos" e do "cumprimento desa axenda".

Comentarios