O BNG reclama as competencias de xestión da costa cunha proposición de lei

Os nacionalistas reclaman a xestión das autorizacións no dominio público marítimo-terrestre.
Ondas no litoral coruñés. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Ondas no litoral coruñés. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) arrincou este sábado a súa “ofensiva” parlamentaria para reclamar máis competencias para a Galiza e aumentar o autogoberno coa proposición de lei para conseguir as competencias de xestión da costa e o litoral. Nesta iniciativa o BNG alude ás posibilidades constitucionais e estatutarias, tal e como fundamenta o informe do Consello Consultivo encargado pola Xunta da Galiza.

O Consultivo galego ditaminou o pasado verán que a Galiza xa conta con “todas as facultades ou funcións” de ordenación do litoral, incluídas aquelas “sobre a xestión dos títulos de uso e ocupación” do dominio público marítimo-terrestre. Así o estabelece o propio Estatuto de Autonomía no seu artigo 27.3 e apóiano varias sentenzas do Tribunal Constitucional.

O informe foi solicitado en plena polémica co Estado sobre a petición de transferencia, sobre a que “non resulta necesario modificar dito Estatuto” para asumir as competencias neste ámbito, tal e como exixía o Goberno estatal.

En datas posteriores, a Xunta, presidida por Alfonso Rueda, impulsou o anteproxecto de lei de ordenación do litoral, que recibiu máis de 80 alegacións durante a súa exposición pública e para as cales o Executivo galego busca o seu posíbel encaixe antes de remitir ao Parlamento o texto lexislativo, algo que ten previsto facer “esta primavera”.

Previamente, o Consello da Xunta tamén aprobou en outubro de 2022 un recurso ante o Tribunal Supremo ante a reforma do regulamento estatal de Costas, para “garantir a actividade económica vinculada ao litoral galego”.

Proposición de lei

Con estes antecedentes de fondo, Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, lanzou unha “ofensiva política” para que a Galiza gañe 35 competencias, após “14 anos de parálise do Partido Popular”. Neste contexto, esta semana rexistrou a proposta de lei para reclamar as competencias de xestión do litoral, algo que xa comezou a deseñar no outono de 2022.

No texto lexislativo, que xa foi cualificado pola Mesa do Parlamento para seguir a súa tramitación, os nacionalistas aluden ás características “específicas” do litoral galego, que o fan “distintas e distantes” da costa mediterránea, e que “exixen unha ordenación integral desde unha óptica autocentrada e sostíbel, lonxe dun tratamento homoxéneo e alleo á súa singularidade”.

“É evidente que a Galiza debe posuír a máxima capacidade de decisión sobre o seu litoral. Precisa deseñar e planificar, entre outras cousdas, actuacións estratéxicas, racionais e razoábeis para a convivencia e pervivencia sostíbel de todas as actividades [...] así como a súa posta en valor e aproveitamento para novas utilidades que teñan o carácter de sostíbeis. E precisa, así mesmo, de tales estratexias para previr riscos derivados de fenómenos naturais e, singularmente, daqueles derivados do cambio climático”, reza a iniciativa lexislativa.

A proposición de lei do BNG solicita para a Galiza as seguintes atribucións: xestión e outorgamento de autorizacións en zonas de servidume de tránsito e acceso ao mar; vixilancia, tramitación e imposición e recadación das sancións; así como a xestión das concesións demaniais incluíndo, en todo caso, o “outorgamento, renovación, prórroga, modificación e extinción, así como a xestión de ingresos, das ocupacións ou aproveitamentos”.

 

Comentarios