O Parlamento solicita ao Estado "garantías" de apoio á planta de Altri

O conselleiro de Industria di que a empresa "non ten portelo ao que acudir".
Altri (Foto: Timon)
photo_camera A Cámara urxe axilizar os trámites. (Foto: Timon)

O vicepresidente primeiro da Xunta da Galiza e conselleiro de Industria, Francisco Conde, urxiu esta cuarta feira o Goberno estatal "que axilice os trámites" co obxectivo de que Altri poida optar a fondos europeos para desenvolver o proxecto dunha fábrica de fibras téxtiles en Palas de Rei, na comarca da Ulloa.

"A realidade é que Altri non ten un portelo ao que acudir" e a "única resposta" que recibe é que debe "acudir a diferentes convocatorias todas elas con contías insuficientes para este proxecto", dixo Conde.

A intervención do vicepresidente decorreu após que a Cámara galega, cos votos a favor do PP e do BNG e a abstención do PSdeG, reclamase ao Executivo do Estado unha alternativa ao Proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (Perte) do téxtil dos fondos europeos Next Generation, "aparcado sen explicacións e a pesar de vontade do sector", que garanta investimentos estratéxicos para a planta de Altri en Palas.

Cristina Sanz (PP) dixo que "existe unha cantidade inxente de fondos europeos en cuxa filosofía encaixa este proxecto, o único que non temos é o apoio do Goberno de Pedro Sánchez".

Porén, a proposta presentada por Altri para conseguir financiamento para a súa factoría de Palas non cumpría cos criterios fixados polo Executivo do Estado para acceder ás axudas dos fondos Next Generation para o Perte do téxtil, segundo recoñecía o pasado mes de xaneiro o delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns.

Aseguraba naquela altura que a compañía lusa carecía da tecnoloxía necesaria para pór en marcha a iniciativa e que desde a Secretaría Xeral de Industria se lle solicitara á empresa máis detalles sobre o proxecto.

Comentarios