Alexandra Fernández: "O BNG é o único que integra unha visión de esquerdas e soberanista"

Alexandra Fernández torna á primeira liña da política e faino integrando a candidatura do Bloque Nacionalista Galego como independente, no número 3 da lista por Pontevedra ao Parlamento. A viguesa foi deputada no Congreso (2016-2019) por En Marea. 
 
A ex deputada Alexandra Fernández integra a candidatura do Bloque ao Parlamento por Pontevedra.
photo_camera A ex deputada Alexandra Fernández integra a candidatura do Bloque ao Parlamento por Pontevedra (Imaxe: Nós Diario)

–Por que aposta polo BNG?

Na Galiza a cuestión social e nacional van da man e o Bloque é a única forza que hoxe integra unha visión de esquerdas e soberanista. Ademais é a única opción centrada en ter un proxecto para Galiza, e iso é moi necesario para acumular forzas.

–Que perspectiva lle deu ser deputada no Congreso?

Alí puiden constatar o concerto xeopolítico do Estado que triangula entre Madrid, Catalunya, o Mediterráneo e Euskadi, nesa mesma orde. 

Tamén constatei a tensión existente entre dous proxectos antagónicos en relación ao papel que debe xogar a Galiza sobre este marco xeopolítico: un que sitúa o país como área de influencia e de dependencia do burato negro de Madrid, e outro que entende que a Galiza debe fortalecer o seu peso económico, demográfico e cultural, similar a calquera dos outros polos. 

–Como ilusionar na política unha xeración como a súa, golpeada por varias crises?

Cando vives na precariedade tes unha sensación de que estás a mercede da situación, de padecer as consecuencias de decisións nas que non podemos intervir. É por iso que a precariedade xera falla de confianza. E para romper ese círculo vicioso temos que tomar conciencia do enorme poder que nos dá o voto. Neste momento hai unha maioría de galegas e galegos que queren cambio e, se todas imos votar, acabarase co PP. 

Estamos ante o momento de afirmármonos como suxeitos capaces de crear unha nova realidade

A principal mensaxe que lle diría á mocidade é que estamos ante o momento de afirmármonos como suxeitos capaces de crear unha nova realidade. 

Os motivos son claros: emigración, pobreza, precariedade... e hai unha prioridade central onde actuar para esta xeración que é ese borde do precipicio en que te sitúas cando acabas os estudos e non ves saída laboral. Cómpre dar continuidade como país á xente moza, focando toda a produción e toda a riqueza humana que temos, dándolle seguridade, que non se sintan no abismo. 

-O seu barrio, Bouzas, está moi afectado polos recheos sobre a ría e agora quérense construír outros novos. 

Estamos ante unha nova agresión ambiental á ría. Cando unha analiza a evolución urbana de Vigo, observa que o porto e a  cidade camiñaron sempre separadas. Cómpre pensarmos Vigo de forma integrada, precisamos un modelo de cidade que una os intereses da cidadanía e a economía en harmonía co porto. 
 

Comentarios