O alcalde socialista de Silleda recúa e non dimitirá tras lograr un acordo co BNG sobre as retribucións

Segundo explicou o rexedor, a dimisión non ía ser efectiva ata a súa aprobación no pleno convocado esta quinta feira, ao que precisamente xa non levará a renuncia senón a proposta de acordo alcanzado entre ambas as formacións.
O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña. (Foto: Conchi Paz)
photo_camera O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña. (Foto: Conchi Paz)

O alcalde de Silleda, o socialista Manuel Cuíña, retirou a súa proposta de dimisión anunciada a pasada semana despois de que a súa formación e o BNG alcanzasen a un acordo político que inclúe un pacto sobre as retribucións.

En concreto, o acordo entre ambas as formacións subliña que é intención de ambos os grupos políticos “abrir canles de entendemento e convivencia na procura da mellora do benestar das persoas e o futuro socioeconómico e ambiental o Concello de Silleda”.

O documento, que contempla compromisos na municipalización de servizos, a extensión destes ao rural e a ampliación de roza e limpeza de cunetas, inclúe un anexo cun acordo sobre as retribucións para o seu debate no pleno que terá lugar esta quinta feira.

En concreto, a Alcaldía disporá dunha dedicación exclusiva de 3.428,57 euros brutos ao mes (48.000 euros brutos anuais en 14 pagas); a primeira tenente de alcalde e concelleira de Cultura, Deporte, Mocidade, Voluntariado, Normalización Lingüística e Participación Cidadá terá outra dedicación exclusiva de 2.192,86 euros brutos ao mes (30.700 anuais en 14 pagas). Ademais, a concelleira de Benestar Social, SAF, Maiores, Igualdade, Sanidade, Educación e Diversidade terá unha dedicación exclusiva de 1.878,57 euros brutos ao mes (26.300 euros en 14 pagas).

O texto, que incorpora unha praza de persoal eventual que recibirá un total de 26.265,20 euros ao ano, recolle destinar fondos da partida para as retribucións de cargos electos a subvencións municipais por concorrencia competitiva a entidades veciñais ou de participación social.

En declaracións aos medios, o alcalde, Manuel Cuíña, explicou que o acordo foi alcanzado tras dúas reunións nas cales participaron as direccións galegas tanto do PSdeG como do BNG. "Trasládanme que hai un compromiso do BNG para, a partir de agora, facer unha oposición leal non comigo, senón co pobo e a xente", sinalou.

Marcha atrás

O rexedor incide en que presentara a súa proposta de dimisión ao considerar que o Bloque non ía facilitar a gobernabilidade e que non se trataba dunha cuestión de diñeiro. Con todo, apunta que, tras o pacto alcanzado esta semana e atendendo ás peticións de veciños, de asociacións e do seu propio partido, decidiu dar marcha atrás na súa intención de dimitir.

Segundo explicou, a dimisión non ía ser efectiva ata a súa aprobación no pleno convocado esta quinta feira, ao que precisamente xa non levará a renuncia senón a proposta de acordo alcanzado entre ambas as formacións.

Comentarios