Dimite o alcalde socialista de Silleda após un desencontro co BNG polos salarios

O rexedor propuña inicialmente 134.000 euros para as tres dedicacións exclusivas, unha oferta que rebaixou a 108.000 mais que distaba da cifra que manexaba a formación nacionalista, primeiro 90.000 e finalmente 105.000 euros, contía que consideran "moi adecuada e digna". O rexedor marcha, afirman "por non querer baixarse o soldo".
O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña. (Foto: Conchi Paz)
photo_camera O agora ex alcalde de Silleda, Manuel Cuíña. (Foto: Conchi Paz)

O alcalde de Silleda (Deza), o socialista Manuel Cuíña, vén de anunciar a súa decisión de renunciar ao cargo logo de non chegar a acordo co grupo municipal do BNG a respecto da asignación dos salarios. O rexedor, que tamén presentará a súa renuncia como edil, rexistrará nas próximas horas a dimisión, de forma que a tenente de alcalde, Mónica González, quedará como alcaldesa en funcións até que se convoque o novo pleno de constitución.

"Vista a incapacidade de ver un futuro de gobernabilidade ante a decisión unilateral do BNG, decidín tomar esta decisión", argumentou Cuíña en declaracións á axencia Europa Press. O socialista deu este paso despois de que esta cuarta feira non saíse adiante a proposta do seu grupo sobre as asignacións salariais do Goberno local, ao contar co voto en contra do BNG e o PP após non chegaren a un acordo socialistas e nacionalistas sobre este asunto nas últimas semanas.

No pleno, decorrido esta cuarta feira e retransmitido por streaming, o alcalde reprochou aos nacionalistas o seu "inmobilismo" e sostivo que o seu grupo "xa fora xeneroso" ao rebaixar a súa proposta inicial de 134.281 euros polas tres dedicacións exclusivas aos 108.000 que propuñan agora á corporación.

Así, cifrou en 26.000 euros a rebaixa proposta, ao tempo que lamentou que o BNG "insistía en só 90.000 euros" para sufragar as tres dedicacións e trasladar, finalmente, unha oferta de 105.000 euros, alén de aceptar a praza de persoal de confianza.

Pola súa parte, a portavoz do BNG, Erea Rei, considerou que "por testudo" e por "non querer baixarse o soldo", o alcalde puña en risco o salario das súas compañeiras de goberno. Aliás, sostivo que a proposta do Bloque era "moi adecuada" e "moi digna". Con todo, o rexedor opinou que o rexeitamento do BNG debíase a unha "cuestión persoal" contra el. "Creo que é unha cuestión persoal e até o prefiro, porque indicará que cando desapareza o problema, cando desparezca a persoa, as cousas irán ben", afirmou.

"En pouco máis dun mes desde que sodes concelleiros, pasardes á historia por deixar caer a un alcalde cuxo único delito foi gañar eleccións", manifestou Cuíña, que chegou a prometer doar os 3.000 euros que separaban as propostas finais do seu salario cada ano a unha ONG.

Por último, emprazou aos nacionalistas a "ser máis razoábeis" unha vez "desaparecido o escollo" da súa persoa para que teñan que pasar á historia por "acabar cos 20 anos de gobernos progresistas" na localidade.

Comentarios